Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz presenta unha moción solicitando o mantemento da categoría e dos servizos que viña prestando na actualidade a Oficina de Facenda

“Nos últimos tempos estamos asistindo a un auténtico desmantelamento dos servizos públicos na comarca da Mariña Lucense por parte dos Gobernos do Partido Popular”, segundo critican dende o grupo municipal socialista de Foz.

“En primeiro termo, coa inminente supresión da área sanitaria norte por parte da Xunta de Galicia, a través da imposición dunha xestión integrada provincial, que se traducirá na conseguinte perda de servizos sanitarios e da calidade asistencial”, explican.

E, por se fora pouco, enganden os socialistas “nos últimos días vimos de coñecer a través da prensa que o Goberno Central rebaixa a categoría da Oficina de Facenda de Foz, e que, a partir de agora, só exercerá funcións de información e asistencia”.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Foz consideran “gravísima a situación de retroceso e supresión de servizos públicos que na comarca da Mariña estamos a sufrir, e, sobre todo, consideramos lamentable a forma de actuar dos Gobernos do Partido Popular, dende a sombra e totalmente ás costas da veciñanza”.

Por este motivo, os concelleiros do PSdeG- PSOE de Foz presentan unha Moción dirixida a instar ao Executivo Central ao mantemento da categoría e dos servizos que actualmente viña prestando a Oficina da Axencia Tributaria de Foz, coa finalidade de evitar que os veciños, tanto do noso Concello como da Mariña en xeral, teñan que desprazarse a Lugo para realizar calquera tipo de xestión tributaria que ata agora podían facer en Foz.

Na mesma liña, dende o Grupo Municipal Socialista focense queren instar ao Alcalde e ao Equipo de Goberno a que se pronuncien en relación a este asunto, e a que por unha vez fagan unha excepción e poñan os intereses dos veciños por riba das directrices do seu partido. Neste senso, tamén requerin ao rexedor que, “con carácter urxente, expoña aos grupos políticos con representación na Corporación a información da que dispón ao respecto da rebaixa de categoría da citada Oficina da Axencia Tributaria de Foz e da supresión da maioría dos servizos que presta, pois os concelleiros do Grupo Socialista estamos fartos das operacións de recorte de dereitos que o Partido Popular está a levar a cabo dende a sombra, e de ter que enterarnos pola prensa de asuntos que afectan tan gravemente aos intereses dos veciños de Foz”.

Exit mobile version