CERVO, 26 DE MARZO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo lamentan que dende o Concello non se lles convidara á inauguración da Estación Depuradora de Augas Residuais que tivo lugar no día de onte, “manifestamos o noso malestar ante a falta de respecto do equipo de goberno por non nos informar como grupo maioritario da oposición e ter que enterarnos do evento a través da prensa”.
Os socialistas manifestan que lles houbera gustado acudir á inauguración desta EDAR, tan importante para o desenvolvemento do núcleo de Cervo, “unha obra que supuxo unha inversión de 1,3 millóns de euros e na que participaron para a súa financiación diversas administracións de distintas cores políticas. Desta maneira, amosan perfectamente que para o PP sempre priman os intereses partidistas por riba dos meramente institucionais”.
Xa non é a primeira vez que este goberno non convida ós grupos da oposición a actos que dende o PSOE consideran vitais para o progreso do noso concello, “esta última maniobra non nos resulta de todo chamativa xa que despois doutra experiencia parecida preguntamos nun pleno o por qué de informarnos de certos actos sí e doutros non e viñéronnos a dicir, en román paladino, que segundo lle dera a gana a alcaldía”.
Subliñan que “é triste que o equipo do señor Villares aproveite calquera momento para colgarse medallas pero máis penoso é que se tomen decisións dependendo do lado do que veña o vento. Noutros actos relativos a esta mesma EDAR fomos invitados e resulta que deste último non. En definitiva, esta actitude non é máis ca un reflexo da maneira habitual de actuar deste goberno que só se move en relación ós intereses do seu partido e non polos intereses dos seus veciños”.