Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas levan hoxe á Comisión de pesca do Parlamento o traslado de Ence Navia dende o Porto de Mirasol a Asturias

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, o lugués José Ramón Val, preguntaralle este xoves á Xunta polo traslado ao porto asturiano do Musel dos envíos que realiza a factoría Ence Navia dende o porto de Mirasol, en Ribadeo. A pregunta será debatida na Comisión de Pesca que comeza ás 16,30 na Cámara Autonómica.

Segundo as novas publicadas en tempos recentes nos medios de comunicación a partires de xuño deste ano 2013 a factoría Ence Navia ten previsto trasladar os envíos da súa produción, que se realiza na actualidade no porto comercial do concello de Ribadeo, ao porto asturiano do Musel en Xixón.

Esta decisión provocará de maneira clara unha situación moi desfavorable para o porto de Mirasol de titularidade autonómica que, a día de hoxe, segundo os propios datos ofrecidos pola Administración galega, é o segundo porto dos 122 de titularidade galega que mobiliza máis tonelaxe cun tráfico comercial de 287.358 toneladas, das que preto do 70 % corresponden á pasta de papel que provén da factoría naviega, situándose só por detrás do porto ortegano de Cariño que conta cun trafico comercial de 342.489 toneladas.

Este anuncio vén de provocar unha enorme preocupación no propio concello de Ribadeo e nunha comarca como a da Mariña, duramente castigada pola crise económica e polo desemprego, onde estamos a asistir a un incremento dos ERE e ao desmantelamento de
empresas importantes para o crecemento desta zona costeira, ante a pasividade e a inacción do Goberno galego.

A opinión da Xunta de Galicia é importante, cómpre garantir a continuidade dunha actividade que xera emprego e negocio, e que é fundamental para seguir dinamizando o tecido empresarial e comercial do noso país, especialmente na Mariña.

Ante esta perigosa nova que non faría máis ca seguir destruíndo emprego na comarca mariñá, os deputados socialistas preguntan sobre a valoración que fai o Goberno galego deste anuncio da factoría Ence. Así mesmo, preguntan que xestións está a realizar para manter o tráfico comercial en Ribadeo e garantir así o emprego e cales foron as contrapartidas adquiridas pola empresa logo dos investimentos de Portos de Galicia. Ademais, preguntan se considera a Xunta que a perda de tráfico comercial afectará á
competitividade do porto de Mirasol.

Exit mobile version