Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas reclámanlle á Xunta que garanta a continuidade do tráfico de pasta de papel de Ence Navia no porto de Mirasol

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, reclamoulle hoxe á Xunta que “mova ficha” para garantir a continuidade da actividade de Ence Navia no porto de Mirasol, en Ribadeo. Val presentou unha pregunta na Comisión de Pesca logo do anuncio da empresa de trasladar a saída da súa produción de pasta de papel ao porto de Musel, en Xixón, a partires de xuño.

O responsable socialista advertiulle hoxe ao goberno galego que “os socialistas galegos permaneceremos vixilantes” para que a Xunta responda do seu compromiso coa continuidade da actividade da empresa neste porto.

Val reclamoulle ao goberno galego que garanta que o porto mariñán “se manteña como mínimo ata agora” para rendibilizar o investimento de 1,8 millóns de euros para o dragado da canle de acceso e a ampliación da dársena de amarre. Esta actuación foi asumida pola Xunta con motivo do acordo coa empresa, que se comprometía a mover a través deste porto 1,5 millóns de toneladas de papel.

Lembrou que a empresa ten anunciado o traslado tráfico de pasta de papel ao porto asturiano de Musel, malia que Ribadeo posúe “claras vantaxes competitivas”, como é menor manipulación ou menos espera de carga. Esixiulle á Xunta que poña en valor as vantaxes do porto mariñán para antepoñelo aos intereses económicos da empresa en Asturias.

Segundo porto

O parlamentario socialista instou ao goberno galego a defender a este porto que, grazas ao acordo coa pasteira, actualmente é o segundo porto de titularidade autonómica galega que move un maior volume de mercadorías dun total de 122. Reclamoulle á Xunta que “responda aos transportistas, os estibadores e todos os axentes da Mariña implicados e que agardan as accións da Xunta para garantir a continuidade desta actividade”.

Salientou a importancia do tráfico comercial do porto tanto para Ribadeo como para a comarca da Mariña, “unha comarca sacudida fortemente polas cifras do paro e na que tan só o anuncio da posible perda desta actividade ten provocado unha gran alarma social” tanto nos traballadores directos como indirectos que rodean ao porto.

Exit mobile version