Site icon Crónica3.com A Mariña

Ouro en K2 Master para o CP Altruán en Baiona

Este pasado domingo día 24 de Marzo celebrouse a 3ª regata puntuable da XIV LIGA GALEGA DE KAIAK DE MAR, proba que tivo lugar en Baiona ás 11:00 h nun percorrido alternativo ao previsto dadas as más condicións meteorológicas imperantes.

Perto de duas centeas de deportistas competiron nun circuíto triangular de 3500 m a tres voltas, cun primeiro largo sometido ao mar de costado ata a primeira ciaboga, onde se enfiaba rumbo a terra (a zona da Ramallosa) con empopadas complicadas dada a magnitude das ondas e as rompentes. Ciaboga a estribor para enfilar de novo ao porto deportivo de Baiona co mar de proa pero dificultando o padexar o forte vento, o percorrido puxo a proba a forma física e as destrezas das tripulacións, menudeando os volcos e abandonos dado o dificultade da proba.

As embarcacións raíñas desta comprometida disputa resultaron ser as tres da Mariña Lucense, pois encabezaron a entrada en meta dúas k2 co Club Piraguismo Viveiro e a terceira do Club Piraguismo Altruán de Ribadeo.

Efectivamente, Ricardo Otero López e Raul Cedrón Vilar, actuais campións galegos en k2 sprinter veteráns e únicos representantes do Altruan nesta liz, gañaron a meta colgandose no pescozo un ouro , o mesmo metal que a parella viveirense Javier Illanes / José Estévez na categoría k2 sprinter senior , deixando a prata para os seus compañeiros de equipa Marcos Illanes/Alberto Pigueiras.

Nos primeiros compases, o k2 master de Narón J. Ferreiro/J. Seco púxose en cabeza ata que na segunda volta a do Altruán puido collerlles a estela de popa. A partires daí, disputaronse o ouro á par ata a derradeira ciaboga na cal Ricardo e Raul atacaron cun vigoroso sprint que os coruñeses non puidieron manter, entrando en meta os mariñáns en solitario tralas estelas das duas k2 de Viveiro.

En embarcacións individuais mandou Carlos Perez Rial, Perucho, campeón olímpico en Pekín en k2 500m, esta vez competindo na disciplina do kdm. Nas k1 ficou coa medalla de chiculate e ao pe do podium o viveirense Jesús Fdez. Dopico en sprinter master, compensando o seu compañeiro Rodrigo Navarro co seu ouro en k1 tradicional senior.

Comandou a táboa clasificatoria o CM Ria de Aldán que desaloxou á escadra cambadesa da primeira posición por clubes, ocupando o CK Vigo a terceira praza; o CP Viveiro mantense na 4ª posición, entrando o clube ribadense na clasificación da Liga ao ocupar a acada a 13ª praza dos 21 postos en liza.

Exit mobile version