Site icon Crónica3.com A Mariña

Pilar Armada reitera o compromiso do goberno co tecido asociativo de Cervo tralas críticas do PSOE á celebración do Entroido

Cervo, 18 de marzo de 2013-A edil de Obras, Pilar Armada, deulle as grazas ao grupo municipal socialista por “adiantarnos o seu programa electoral” ao propoñer ao goberno local “que suprima dous dos tres Entroidos que se celebran no municipio”. Armada asegura que “para os veciños é de moita utilidade coñecer as intencións dos socialistas” pero engade que “eles terán que darlles as explicacións oportunas aos organizadores sobre cales serían os Entroidos que eliminarían e cal manterían, así como os criterios que seguirían para tomar esta decisión”.

Pola súa banda, a edil de Obras quixo agradecer ás asociacións que organizan os diferentes Entroidos e en xeral, a todas as entidades veciñais, “o seu traballo e o seu dinamismo, que contribúen a enriquecer a actividade do noso municipio”. Armada reiterou o compromiso do goberno local co tecido asociativo cervense e manifestou o seu obxectivo de “seguir colaborando con eles para poñer en marcha o Entroido e para todas aquelas actividades e iniciativas que redunden no beneficio de todos”.

A edil explicou que os tres Entroidos que se celebran mo municipio “xorden da vontade colectiva dos veciños e, mentres se poida, e nestes momentos Cervo pode, manteranse por moito que o PSOE se opoña”. Armada engade que “a situación financeira e económica do Concello permite continuar con festas tradicionais como o Entroido, que teñen un impacto positivo na economía local, sempre a pesar da nula axuda da Deputación nesta e en todas as iniciativas” remata a concelleira.

Exit mobile version