A maiores, a conselleira sinalou que nos dous últimos anos a extracción deste equinodermo elevouse nun 11% e que no 2012 se extraeron na nosa comunidade máis de 700.000 quilos. No caso do ourizo vendido da Mariña destacou que nas lonxas mariñás o prezo medio desta especie é máis dun 8% superior ao de Galicia e vinculouno coa “calidade que aporta o ourizo destas costas”.
Neste sentido, Rosa Quintana, incidiu na importancia da certificación do produto e animou ás confrarías e puntos de venda mariñaos á adopción da etiquetaxe do ourizo baixo o selo de calidade PescaDeRías, “porque tedes un produto de primeira, en cualidades produtivas e aptitudes culinarias”, salientou. Nesta liña indicou que “diferenciar un produto no mercado é clave, e apostar por chamar polo seu nome a un ben de calidade recoñecida de facto é fórmula de éxito seguro”.
Durante a súa intervención a titular de Medio Rural e Mar tamén fixo fincapé na importancia da unión entre sector, administración e científicos para levar adiante un plan de recuperación deste produto na costa da Mariña, “un plan de froitos lentos polo ciclo biolóxico da especie, pero estou segura que exitoso en termos de extracción e mesmo de experiencia”. Por último a conselleira dedicou agradecementos ao Concello, á organización, aos hostaleiros, aos colaboradores das xornadas e ao ao sector por seguir traballando.