A XXII Festa do Ourizo de San Cibrao, declarada de interese turístico nacional, arrincará o sábado 9 de marzo ás once e media da mañá coas XIII Xornadas Técnicas sobre o ourizo na carpa instalada na praza dos Campos.
Pilar Martínez López, autora do blog “La cocina de lechuza” ofrecerá unha conferencia baixo o nome “O ourizo: un bocado de mar na cociña”; mentres que os cociñeiros galegos con estrela Michelín, Pepe Solla e Pepe Vieira, prepararán receitas nas que o ourizo será o ingrediente principal durante o “Show Cooking” ou cociña en vivo. Os pratos poderán degustarse acompañados de viño Albariño.
XXII Degustación Festa do Ourizo de San Cibrao
A degustación deste produto gastronómico poderase realizar durante toda a xornada do sábado 9 de marzo na carpa da Praza dos Campos ou nos establecementos participantes. A partir das seis da tarde, os locais do concurso tamén ofrecerán degustación de especialidades.
As charangas Manca na Cheda, de Mondoñedo; Charanga de Vilalba, e Aturuxo, de Ribadeo; ademais dos gaiteiros Airiños do Xunco, serán os encargados de poñer música a esta festa.