Os xoves sempre tiñan algunha reunión. Os venres tiñan que quedar na porta dalgún banco, ou nas escaleiras dalgún moroso. Os sábados sempre lles caía algunha manifestación. Cada vez estaban máis ausentes da pandilla e das súas casas. E eu pensaba que estes amigos meus eran David contra Goliat. Eran a pedriña dos pequenos contra os homes con pistolas (pagados por todos) que os banqueiros mandan a desahuciar as casas dos pobres. E eu que vía aos meus amigos como os Robin Hood do século XXI que ían co seu arco ás portas dos excluídos, dos ninguén, das vítimas da especulación financeira. Desahucios.
Tolo de min, que me imaxinaba aos meus amigos reunidos para organizar a recolleita de firmas para apoiar unha Iniciativa Legislativa Popular que levase ao Congreso e ao Senado unha reforma legislativa que frease os abusos do poder financeiro, unha proposta que nos achegase a Europa, unha proposta que non se atreveron a levar ningún dos grandes partidos do sistema que traballan para os que lles pagan as súas campañas electorais. Pensaba que os meus amigos levantábanse cedo para chegar antes que a policía á casa dalgúns dos centos de miles de desafiuzados nos últimos anos. Pensaba que os meus amigos quedaban nas portas dos grandes bancos para sinalar co dedo as cuevas de Alí Baba dos señores que realmente mandan aos que din que mandan.
Pero todo era mentira. A Delegada do Goberno en Madrid abriume os ollos coa mesma rapidez con que algúns das súas antidisturbios abren as cabezas. Resulta que os meus pacíficos amigos non estaban traballando pola xustiza, que en realidade se reunían para preparar algún atentando, ou para animar aos terroristas ou aos amigos dos terroristas. En realidade os meus amigos ían aos bancos para ingresar o diñeiro cobrado do imposto revolucionario. E reservaban os sábados para saír á rúa para gritar ¿máis bombas? ou ¿mátaos?. Iso é o que pretende que nos creamos Cifuentes e os propagandistas da rúa Génova a partir da manipulación torticera dunha noticia sobre unha manifestación no País Vasco á que se sumou Stop Desahucios de Biskaia. Pois iso, que os de Stop Desahucios son uns etarras.
Alfonso Otero Regal