Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres rúas e unha praza reciben o nome de varias mulleres na localidade de Ribadeo

Ribadeo, 8 de marzo de 2013. Tres rúas e unha praza de Ribadeo recibiron esta tarde o nome de varias mulleres. Os actos deron comezo ás 19 horas na rúa Manuela Barreiro Pico.

O rexedor dixo que “esta tarde empezamos a dar cumprimento a este acordo plenario de hai un tempo no que por unanimidade de todos os membros da Corporación Municipal, de todos os grupos (do BNG, do PP, do PSOE e máis de UPRI), traballamos en conxunto e puxémonos de acordo para dar nome a unha serie de rúas e de espazos públicos, sobre todo da vila de Ribadeo, nos que había problemas. Mesmo o propio servizo de Correos xa nos tiña advertido en varias ocasións de que nalgúns destes espazos era difícil que chegaran moitas cartas, porque non tiñan nome ou era moi difuso, como os barrios dos Galos ou da Lodeira, onde non soamente é unha rúa senón varias, e ás veces todo isto se prestaba a confusión”.

Suárez Barcia sinalou que “nesta tarde vamos inaugurar catro rúas con nomes de mulleres aproveitando que hoxe é o día 8 de marzo, para o cal queremos convidar a toda a cidadanía, especialmente ás persoas que viven nestas rúas, tanto a que vai levar o nome de Manuela Barreiro Pico, que foi a primeira farmacéutica de Ribadeo aló no principio do século XX, como a de sor Pilar de León, así como a rúa que vai levar o nome de Meniñas da Saudade, este grupo de gaiteiras ribadenses dos anos 60 do século pasado, e para rematar no que vai ser a praza 8 de marzo, simbolizando o que é este Día Internacional da Muller”.

Ás 19 hora inaugurouse a rúa Manuela Barreiro Pico, ás 19:20 a rúa Sor Pilar de León, ás 19:40 horas a rúa Meniñas da Saudade e ás 20:00 horas a praza 8 de marzo. Neste último lugar houbo unha intervención da concelleira de Igualdade, despois lectura dos textos das creadoras do caderno Rachando inercias e a continuación actuación da Escola de Danza acompañada dunha orquestra.

Xa para as 20:30 horas no Cine Teatro tivo lugar a a actuación de Irimia Cantareiras, coa compañía Proxecto Danza.

Exit mobile version