O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o xefe territorial da Consellería do Medio Rural, Ramón Losada tamén acudiron a este acto co que se pretendía “por unha banda concienciar aos nenos e nenas da importancia de coidar e preservar o noso medio natural” e ao mesmo tempo “contribuír con accións reais a, pouco a pouco, recuperar o bosque atlántico típico desta zona e con el, a paisaxe natural tradicional da Mariña” tal e como explica o rexedor.
A delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, pola súa banda, subliñou tamén a necesidade de “apostar polo carácter produtivo e sostible dos recursos forestais” buscando a rendibilidade económica porque “o monte, ademais de riqueza patrimonial e cultural, representa tamén unha actividade empresarial que xera moitos postos de traballo –arredor de 18.000 entre directos e indirectos na provincia lucense- e axuda a fixar poboación no medio rural”.
Ademais da plantación realizada hoxe, entregouse a cada neno unha árbore, de xeito que se repartiron entre os escolares máis de 200 plantas de especies variadas como castiñeiro, carballo do país, carballo americano, acivro, teixo, sequoia, oliveira, sobreira, freixo ou piñeiro. Unhas árbores que poderán sementar na casa coa axuda dos maiores.
Cabe destacar que todas estas árbores foron achegadas polo Servizo Provincial de Montes, dependente da Consellería do Medio Rural. Un departamento que doou un total de 900 árbores, das cales 300 son pradairos, 300 castiñeiros e outros 300 ameneiros. Así, ademais dos exemplares sementados hoxe neste acto o Concello ten previsto plantar todos os demais exemplares, que se repartirán entre o monte Escarabelada, de propiedade municipal e de 9 hectáreas de superficie, e o monte comunal A Bidueira.
Ao mesmo tempo o mandatario cervense lembra que “o Concello ten en marcha un ambicioso proxecto de recuperación do bosque de natureza atlántica a través de diversas accións que se veñen desenvolvendo nos últimos anos e entre as que se atopan a repoboación dos montes cervenses utilizando especies autóctonas”.