Site icon Crónica3.com A Mariña

Veiga insta a Feijóo a garantir a continuidade da Área Sanitaria da Mariña

A Mariña, 1 de marzo de 2013. O responsábel do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Mariña, Antonio Veiga, insta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a aproveitar a súa visita á comarca con motivo do congreso provincial do Partido Popular que se celebrará en Burela, para garantir a continuidade da área sanitaria da Mariña, en canto a xerencia sanitaria integrada é un paso máis cara o desmantelamento do sistema sanitario, cara a súa privatización e lonxe de mellorar a atención aos pacientes, como anunciou a conselleira Rocío Mosquera, suporá unha limitación de dereitos sanitarios e reducirá a seguridade dos veciños e veciñas da comarca, retrotraendo a atención sanitaria 25 anos ao converter ao Hospital da Costa en sucursal do HULA, xa sobrecargado.

Veiga pide a Feijóo que “aclare o futuro sanitario da Mariña a pesar de que para os mariñáns a palabra do presidente do Goberno galego case non ten valor, xa que cada vez que ven á comarca promete a ampliación do Hospital da Costa e novos servizos e o único que fai e por casetas de obra para pasar consulta e atender aos pacientes. As promesas dos dirixentes do Partido Popular para coa Mariña nunca teñen plasmación nos orzamentos da Xunta polo que quedan sempre en meras intencións.”

Dende o BNG piden ao presidente do Executivo galego que “se poña do lado dos mariñáns e que como tal garanta a continuidade da área sanitaria da Mariña e o mantemento de todas as competencias e servizos do Hospital de Burela e que, por unha vez, se chega a comprometerse, que cumpra a súa palabra.”

O responsábel comarcal da formación nacionalista insiste en que a Costa cumpre todos os requisitos para ser unha área sanitaria independente e recorda que a propia Lei de Saúde de Galiza establece que as áreas sanitarias deben caracterizarse por factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos e laborais propios e estar dotadas de vías e medios de comunicación, requisitos todos que cumpre a nosa comarca.

Dende o BNG chaman aos mariñáns a participar na cacerolada de mañá, sábado 2 de marzo, na Praza da Mariña de Burela, para dicir non á xerencia única provincial. Neste senso, Veiga asegura que “o único xeito de paralizar a folla de ruta coa que a Xunta de Galiza busca desmantelar a sanidade da comarca e limitar os dereitos sanitarios do pobo é mobilizándose. So a presión social poder cambiar as intencións dos populares e impedir a implantación da xerencia integrada como xa aconteceu en 2010.”

Exit mobile version