Site icon Crónica3.com A Mariña

Vidal-Martínez: “O 56,7 por cento das familias con rendas máis baixas non pagarán nada polo comedor escolar mentres que o resto farao en función da súa renda”

Lugo, 15 de marzo de 2013.- O deputado mariñán responsable da área de Educación, Vidal Martínez-Sierra, insistiu hoxe que o 56,7% das familias da Mariña lucense con rendas máis baixas non pagarán nada polo uso do comedor escolar mentres que o resto farao en función da súa renda.

O parlamentario defende o novo modelo que considera “máis xusto e equitativo” xa que garante que os que teñen menos recursos poidan seguir tendo acceso gratuíto aos comedores escolares e que o resto dos usuarios, con rendas máis altas, contribúan para poder seguir aumentando as prazas de comedores escolares.

De feito, Martínez-Sierra lembrou que como consecuencia deste sistema a Xunta ampliará a rede autonómica de comedores escolares, asumindo ata o 60% dos que agora son xestionados polas ANPAS

O deputado tamén explicou que o copago nos comedores escolares foi implantado polo Bipartito (febreiro de 2007) e o actual Goberno galego o que fará é outorgarlle unha auténtica progresividade en función da renda que o sistema non tiña actualmente.

“Os que realicen pagos deberán facelo en tramos de 1, 2,5 e 4,5 euros diarios como máximo, distribuídos en función da renda das familias. Cremos que é unha medida xusta, que permite á Xunta priorizar os seus recursos e seguir estando á beira de quen máis o necesitan”.

O parlamentario tamén considerou “pouco afortunada” a comparación dos abonos que hai que efectuar nos comedores escolares, cos que se realizan no comedor do Parlamento. Xa que o desconto nas comidas só se aplica para o persoal funcionarial desta administración e nunca para os políticos.

DÉBEDAS DO PSOE

Martínez-Sierra tamén explicou que “fronte ao actual modelo, a oposición defenderá unha vez máis o modelo socialista: gratis total para todos, pero deixándoo todo a deber para que pague o seguinte que goberne”. Mentres que agora a Xunta aplica unha política máis xusta, de redistribución da riqueza, de responsabilidade na xestión dos recursos.

Exit mobile version