Os actuais integrantes da Comisión de Festas de San Cibrao non continuarán coa organización dos festexos no ano en curso. Así o deron a coñecer hoxe despois de que tivera lugar unha última xuntanza do actual colectivo. A Comisión saínte foi a encargada de organizar durante os dous últimos anos -2011 e 2012- as principais citas festivas da localidade: as Festas na Honra da Virxe do Carme e a cita de interese turístico galego “Maruxaina”.
A Comisión saínte fai un chamamento a todas as persoas e colectivos que puideran estar interesados en facerse cargo da organización das festas para que contacten coa actual directiva ao obxecto de formalizar os trámites administrativos para o traspaso. Poden facelo no teléfono 600 449 872
En concreto o colectivo indica que a nova organización non empezará de cero xa que na conta da Comisión de Festas hai dispoñibles 2.300 euros en efectivo como superávit do ano anterior e 6.000 euros máis pendentes de cobro dunha subvención xa xustificada. Precisamente dar remate a esta subvención era o motivo polo que esperaron a facer público a non continuidade, e fano con tempo suficiente para organizar as festas deste ano.
Os integrantes da Comisión de Festas saínte agradecen o apoio recibido durante estes dous anos de mandato tanto polos veciños de San Cibrao como por empresas, hostalería e as distintas administracións colaboradoras. “Haberá cousas que se puideron mellorar e outras que sen dúbida saíron ben. En todo caso, cedemos o testigo a outras persoas ou colectivos coa satisfacción de ter organizado durante dous anos estas actividades, sempre coa intención de organizar un programa para o goce e desfrute de todos”.