Site icon Crónica3.com A Mariña

A campaña ‘Presume de praceira/o’ da Xunta premia a clientes e comerciantes da provincia de Lugo

Lugo, 12 de abril de 2013.- A Consellería de Economía e Industria levou a cabo hoxe o primeiro sorteo de premios da campaña Presume de praceira/o na provincia de Lugo, que ten por obxectivo poñer de relevo a figura profesional das praceiras/os, ao tempo que se incentivan as compras e se promocionan e visibilizan os mercados e prazas de abastos como referentes na compra de produtos frescos e de calidade.

Así, no día de hoxe levaronse a cabo os sorteos nas prazas de abastos de Chantada, Lugo, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e Sarria. En todos estes mercados distribuíronse 150 euros en vales de compra (distribuídos en premios de 75, 50 e 25 euros) para gastar na propia praza entre os usuarios que participaron ata o momento na elección para escoller a praceira ou praceiro favorito.

A campaña, que terá continuidade o día 3 de maio cun novo sorteo, enmárcase na estratexia que desenvolve a Consellería de Economía e Industria para potenciar as prazas de abastos como pezas clave na estrutura comercial e na dinamización das vilas e cidades. A esta estratexia, que se centra na modernización, na revalorización e na mellora competitiva dos mercados, destináronse máis de 7,6 millóns de euros nos últimos catro anos.

A Xunta está a incrementar os esforzos destinados a potenciar as prazas de abastos, apostando por mercados onde se leve a cabo unha venda moderna con servizos, diversidade e excelencia capaz de conservar a tradición de compra ao tempo que se dá resposta ás novas necesidades dos consumidores.

Coa campaña Presume de praceiro/a quérese recoñecer aos praceiros e praceiras, destacando a súa profesionalidade, consello e asesoramento, e premiando tanto a clientes como a comerciantes. Ao mesmo tempo, ponse de relevancia a importancia dos mercados e prazas de abastos como dinamizadores do comercio de proximidade e escaparates do produto galego para visitantes e turistas.

Exit mobile version