Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa da Cultura de Burela acolle unha exposición sobre o cambio climático para conmemorar o Día da Terra

Burela, 22 de abril de 2013. A Casa da Cultura acolle a exposición Cambio climático: o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción co obxectivo de conmemorar o día da terra, que se celebra hoxe.

Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, “con esta exposición preténdese dar a coñecer a toda a poboación o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia”. A edil popular sinala que “moitas das actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases de efecto invernadoiro, e por tanto contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático”.

A exposición estará aberta durante toda a semana en horario de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas. Os alumnos dos centros de ensino de Burela e diversas asociacións pasarán ao longo destes días pola Casa da Cultura.

López Eijo engade que “a celebración do día da terra supón o recoñecemento de que a terra e os seus ecosistemas nos proporcionan vida e sustento ao longo da nosa existencia. Tamén supón recoñecer a responsabilidade que nos corresponde, de promover a harmonía coa natureza e a terra co fin de alcanzar un xusto equilibrio entre as necesidades económicas, sociais e ambientais das xeracións presentes e futuras”. O lema deste 2013 é As caras do cambio climático.

Exit mobile version