Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa de Cultura de Foz acolle este martes a presentación dun vídeo promocional da Festa Normanda

Foz, 29 de abril de 2013. O día 30 de abril, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura focense terá lugar a presentación do vídeo promocional da Festa Normanda, segundo anunciaba a concelleira Mercedes González Alonso.

A edil popular explicou que “o vídeo gravouse na segunda edición desta festa, celebrada o ano pasado, cun montón de imaxes do desenvolvemento desta cita. O vídeo foi gravado por HB Visual e reflicte o carácter popular da festa, con moito rigor histórico e o que queremos é promocionar esta festa e que chegue ao maior número de lugares posible para que veñan coñecer a historia do noso pobo, que se remonta ao alto medievo”.

Mercedes González convida a todos os que desexen ver este vídeo a que acudan mañá, martes, á Casa da Cultura. “Trátase dunha edición limitada, van ser 500 unidades, e empezaremos a vendelas xa, para afrontar o custe da elaboración do propio vídeo e para recadar fondos para financiar a Festa Normanda. O único financiamento que temos é a través da súa promoción e de patrocinios”.

Os vídeos poranse á venda na Casa da Cultura, no Cenima, na Casa da Xuventude e en todas as dependencias municipais. O prezo será de 6 euros.

Exit mobile version