Site icon Crónica3.com A Mariña

A décimo quinta edición da feira Expomar preséntase este mércores en Santiago

Burela, 23 de abril de 2013. A décima quinta edición da feira náutico pesqueira Expomar preséntase mañá, 24 de abril, en Santiago. O acto estará presidido pola conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, segundo anunciaba esta mañá o alcalde de Burela, José Mª González Barcia.

O rexedor dixo que “mañá, mércores, vai ter lugar na Galería Sargadelos, en Santiago de Compostela, a presentación da décimo quinta edición da feira monográfica náutico pesqueira Expomar, que organiza a fundación do mesmo nome. Este acto é xa o arranque da propia feira en si, porque a partires de agora se trata de divulgar ao máximo posible a feira para que sexa un éxito, que é o que todos esperamos”.

González Barcia indicou que “tendo en conta que a feira volve repetir practicamente o mesmo número de expositores e de firmas que hai dous anos desde o Concello estamos seguros de que pode ser un éxito rotundo. Na propia feira en si en canto a transaccións comerciais e como atractivo turístico nunha fin de semana onde, se as previsións meteorolóxicas son óptimas, evidentemente pode vir moitísima xente doutros puntos distintos aos da comarca da Costa lucense”.

A presentación vai ter lugar mañá, mércores, ás 5 da tarde na Galería Sargadelos e vai estar presidida pola conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana Carballo. “Para nosoutros evidentemente é unha honra que a propia conselleira se digne a presidir a presentación ante os medios informativos na capital de Galicia deste evento polo que significa de apoio da propia consellería e da Xunta a un evento que é un dos máis importantes no seu ramo dentro da nosa comunidade autónoma”, sinalou o alcalde burelés.

No acto de mañá en Santiago van estar presentes os distintos representantes dos organismos que forman parte do padroado da Fundación Expomar. “Así contamos coa presenza do patrón maior da confraría de pescadores, de representantes de Armadores de Burela e tamén da Organización de Produtores Pesqueiros, da propia Xunta de Galicia no que se refire á Consellería de Medio Rural e Mar en canto á súa presenza aquí, na Mariña; e, por suposto, tamén daquelas entidades que dun xeito ou doutro tamén forman parte ou colaboran coa Fundación Expomar, como por exemplo Armón ou a Autoridade Portuaria Ferrol-San Ciprián”, engadiu González Barcia.

O rexedor adiantou que “xa posteriormente se vai facer a presentación aquí, en Burela, en data que está sen decidir, e máis adiante faremos unha presentación aos medios informativos da capital lucense, tentando atraer xente desde esa perspectiva turística que dicía eu que ten tamén a propia feira”.

E rematou sinalando que “practicamente están concluídos os programas das dúas xornadas técnicas e dos encontros profesionais, programas que se farán públicos a ser posible incluso mañá mesmo, aproveitando a presenza de Rosa Quintana Carballo, conselleira de Medio Rural e Mar, nesta presentación ante os medios informativos da capital de Galicia”.

Exit mobile version