Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación celebra o Día do Libro coa lectura continuada do Quijote e de obras infantís nos xardíns de San Marcos

230413 Lectura Quijote IIIA Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o escritor de libros infantís e xuvenís Antonio Reigosa participaron este martes nas actividades que a Deputación de Lugo programou nos xardíns de San Marcos para conmemorar o Día do Libro. Nestes actos tiveron un especial protagonismo os nenos e, particularmente, aqueles que tomaron parte nos Obradoiros Infantís do Centro de Artesanía e Deseño celebrados a pasada Semana Santa.

A xornada comezou coa tradicional lectura continuada do clásico de Cervantes El ingenioso hildalgo Don Quijote de la Mancha, iniciada por Regina Polín, á que relevou na tarefa Reigosa. Tras eles, algúns dos adultos presentes animáronse a dar lectura á diferentes fragmentos da obra.

Tras os maiores chegou o momento dos nenos. Neste caso, o libro escollido foi A Escola de Briador, obra do propio Antonio Reigosa. Trátase ademais dun exemplar moi especial, xa que é unha edición ilustrada pola tamén lucense Noemí López, que ven de expoñer no CENTRAD a mostra Contando con imaxes, ademais de ter participado no Obradoiro Artesanal de Contos exercendo de monitora dos nenos presentes hoxe. Cada un dos rapaces recibiu un exemplar desta obra de fantasía.

Este non foi o único agasallo que se lles entregou. O segundo presente foi un díptico que recolle dúas ilustracións, precisamente inspiradas no Quijote, que foron realizadas por eles mesmos durante o Obradoiro do Conto e que tamén contén os nomes e apelidos de todos os nenos que compartiron o seu tempo de lecer escolar nas actividades organizadas no Centro de Artesanía.

Exit mobile version