Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo é a que menos débeda financeira ten de Galicia e a quinta de España

– O lucense foi tamén o organismo provincial da comunidade galega que baixou un maior volume de endebedamento durante o ano 2012, ó reducilo nun 18,6%, segundo datos oficiais do Ministerio de Facenda.

– “Fronte ás políticas austéricas de Feijóo e Rajoy, na Deputación de Lugo demostramos que hai unha alternativa: que se pode facer unha boa xestión económica e, ó mesmo tempo, impulsar medidas que estimulan o crecemento e o emprego”, subliñou a Deputada de Economía.

A Deputación de Lugo é o organismo provincial que menos débeda financeira ten de Galicia e o quinto de toda España ó peche do exercicio 2012, segundo un informe sobre a débeda viva das administracións locais que o Ministerio de Facenda vén de facer público na súa páxina web. Os datos oficiais do Goberno indica que o lucense foi tamén o organismo provincial da comunidade galega que baixou un maior volume de endebedamento durante o pasado ano, ó reducilo nun 18,6%, mentres que a diminución de Pontevedra estivo 6 puntos por abaixo, cun 12,2%; a de Coruña foi do 15,5%; e, por último, a de Ourense, do 0,7%. No conxunto de España, a de Lugo foi a terceira Deputación que máis baixou a débeda en 2012, despois de Soria e Barcelona.

Os datos de Facenda poñen de manifesto que a Deputación de Lugo é por quinto ano consecutivo en 2012 o organismo provincial galego que menos débeda ten. Con respecto ó conxunto do país, gaña un posto, pasando de ocupar o sexto lugar en 2011 entre as Deputacións españolas menos endebedadas ó quinto en 2012, tendo soamente por diante a Soria, Cidade Real, Segovia e Ávila.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, quen cualificou de “excelentes” estes datos, subliñou que, unha vez máis, “na Deputación de Lugo demostramos que, fronte ás políticas austéricas de Feijóo e Rajoy, que non fan máis que aumentar a pobreza e o desemprego, hai unha alternativa, hai outra forma de facelas cousas. Na Deputación de Lugo demostramos que é posible unha boa xestión económica, baixar a débeda e racionalizalo gasto, e, ó mesmo tempo, impulsar medidas que estimulan o crecemento e a xeración de emprego”.

García Porto lembrou ademais que, “grazas a unha xestión responsable e eficaz”, a institución lucense aplicará neste 2013 unha nova e importante amortización da débeda, por valor de 13,5 millóns de euros. Desta forma, dende a entrada deste Goberno provincial na Deputación hai 6 anos, ó peche de 2013, levará rebaixado o endebedamento financeiro do organismo nun 60%.

Exit mobile version