Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación denuncia que o IGAPE non concedeu en 2012 “nin un só crédito” a empresas e esixe á Xunta o desbloqueo das axudas

– O Goberno provincial levará ó vindeiro Pleno unha proposta para reclamar que o Instituto Galego de Promoción Económica “volva a cumprir co seu principal cometido: outorgar préstamos que permitan reactivar e dinamizar a actividade das PEMES e autónomos”

– “A asfixia á que Feijóo somete ás empresas é indignante e inxustificable”, manifestou a Deputada de Economía, pois as contas públicas do IGAPE contemplaban o pasado ano un orzamento de 50 millóns especificamente destinados á concesión de créditos
O Equipo de Goberno da Deputación de Lugo presentará no vindeiro Pleno ordinario, o 30 de abril, unha proposta na que denuncia que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) non concedeu “nin un só crédito a empresas” durante o pasado ano 2012, segundo datos oficiais do propio organismo, dependente da Consellería de Economía e Industria, que vén de remitir ó Parlamento autonómico.

O Executivo provincial esixe por este motivo á Xunta que desbloquee as axudas e que o IGAPE “volva a cumprir co seu principal cometido: conceder préstamos que permitan reactivar e dinamizar a actividade das PEMES e autónomos”. Reclámalle así mesmo que “estableza unha liña de axudas que palíen o déficit xerado coa supresión en 2012 das axudas concedidas ó abeiro das liñas de financiamento da entidade”.

A responsable da área de Economía, Recadación e Facenda da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, subliñou, neste senso, que “a asfixia económica á que Feijóo está a someter ás empresas é indignante e inxustificable”, pois as contas públicas do organismo crediticio galego contemplaban o pasado ano unha partida orzamentaria de 50 millóns de euros especificamente destinados á concesión de préstamos fóra do sector público”. García Porto destacou así mesmo que esta situación “é unha mostra máis da desastrosa xestión económica de Feijóo, que, dende que preside a Xunta, multiplicou case por seis a débeda pública e duplicou o número de parados. Tal vez debería tomar exemplo do que se está a facer en materia económica noutras institucións, como é a Deputación de Lugo”.

Na iniciativa plenaria, os grupos de Goberno advirten de que, dende a entrada de Núñez Feijóo na Xunta, o fluxo de crédito do IGAPE viuse moi minguado, de forma que, ó longo dos últimos catro anos, tan só concedeu 53.000 axudas a empresas, sendo o importe de todas as subvencións inferior a 6.000 euros, unha cantidade “claramente insuficiente e insignificante para as PEMES e autónomos galegos, xa que nalgúns casos, o importe dalgunhas axudas concedidas aínda foi moito máis vergoñento, ó cifrarse este en 1,26 ou 2,54 euros”.

Ningunha axuda dende 2011
Os últimos préstamos directos a empresas concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica datan de 2011, ano no que soamente concedeu 16. Deles, tres nunca chegaron a formalizarse. En total, a entidade prestou a 13 sociedades privadas 22 millóns de euros, e só unha amortizou parte dese crédito público. O resto manteñen íntegra a súa débeda.

Esta falta de axudas, destaca o Goberno provincial, “que aniquila claramente a capacidade inversora das PEMES e dos autónomos, tamén se reflicte na concesión de avais. Este ente público tiña capacidade e diñeiro liberado para concedelos o pasado ano. Sen embargo, só tramitou 22 expedientes, por valor de 8,52 millóns de euros”.

A Consellería non dá explicacións
O Executivo da institución luguesa reproba a actitude da Consellería de Economía ante esta política de recortes porque, “en vez de asumir as súa responsabilidade, eludiu en varias ocasións explicar as razóns da ausencia total de créditos directos a empresas privadas por parte do seu principal ente para a promoción e mellora da competitividade”.

Complica aínda máis o futuro das empresas
Na proposta que levará ó pleno, o Equipo de Goberno alerta así mesmo de que esta falta de financiamento do IGAPE vén complicar aínda máis o futuro das 25.000 empresas coas que conta a provincia de Lugo, e en xeral, todas as de Galicia, que están a atravesar dificultades de tesourería debido en boa parte a que a fluidez do crédito é cada vez menor en España, tal e como indica o informe publicado recentemente polo Banco Central Europeo (BCE).

Deste xeito, España lidera, en toda a Eurozona, a caída do crédito ás empresas. A finais de febreiro -último dato publicado- o saldo vivo dos préstamos concedidos pola banca española a sociedades non financeiras ascendía a 692.700 millóns de euros, un 13,1% menos que o pasado ano.

Os datos revelan, pois, que ningún outro país da Zona Euro rexistrou unha taxa tan negativa, nin tan sequera os tres países rescatados presentaron unha variación interanual tan acusada: o saldo caeu en Grecia un 8,3%, en Portugal un 6,7%, e en Irlanda un 3,3%.

Exit mobile version