Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación iniciará o luns o Plan de Rebacheo para acondicionar as vías provinciais dos 67 Concellos

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, anunciou que o vindeiro luns arrancará o Plan de Rebacheo 2013, a través do que a Deputación acondicionará a rede viaria provincial dos 67 Concellos lucenses, que, con 4.200 quilómetros, é a máis extensa de España. Martínez achacou as críticas difundidas este xoves polo Partido Popular sobre o estado das estradas provinciais ó “oportunismo” dos populares, pois “eran perfectamente coñecedores de que iamos iniciar os traballos xa, e por iso quixeron gañar puntos facendo este numeriño”.

De feito, o Deputado xa fixo público hai unha semana que técnicos do departamento de Vías e Obras estaban ultimando o chequeo das estradas provinciais, e que a programación das obras de mellora estaba practicamente lista.

As actuacións, que deixarán en “perfectas condicións as vías”, empezarán o luns nas 8 zonas nas que a Deputación ten dividida a conservación das estradas, o supoñerá a mobilización de 12 equipos de traballo polo territorio provincial. Manuel Martínez subliñou, neste senso, que os traballos comezan “en canto nos foi posible, coa chegada do bo tempo. Somos conscientes do mal estado de moitas estradas e da necesidade destas melloras, pero inicialas antes non serviría de nada porque as choivas desfarían todo o arranxado”.

O Deputado incidiu en que este inverno especialmente chuvioso provocou que os danos nas estradas foran maiores que noutras tempadas, pero tamén “pesa moito a herdanza recibida do Partido Popular”, argumentou, pois “deixou unhas estradas de moi mala calidade”, o que acentuou os efectos provocados polas precipitacións.

“O PP debe esixir a Feijóo que deixe de discriminar a Lugo”

Por todo isto, Martínez recomendou ó PP que aplique “a mesma dilixencia” coa Xunta que coas estradas provinciais, “esixíndolle a Feijóo que deixe de discriminar dunha vez ós veciños desta provincia pola cor política do seu Goberno, e desbloquee a transferencia de estradas, que mantén paralizada dende o ano 2009, obrigando ós lucenses a pagar o que non deberían simplemente porque a Xunta se nega a asumir as súas competencias; que dote ó HULA, tal e como se comprometeu, de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia, Medicina Nuclear e Cirurxía Pediátrica; que financie os servizos sociais e as políticas de emprego, como fai no resto das provincias galegas; que busque unha solución xusta para os miles de afectados polas participacións preferentes; que interceda para que non se elimine o servizo ferroviario A Coruña-Lugo-Monforte, a única liña ferroviaria de media distancia, e se poña en marcha o tren híbrido; que xestione o desbloqueo das obras de construción do AVE e da autovía A-54 de Lugo a Santiago; que non desmantele os hospitais de Burela e Monforte coa área única integrada de xestión sanitaria; ou que non recorte servizos no IES As Mercedes, entre outros moitos asuntos pendentes”.

Exit mobile version