Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación insta ao Goberno do Estado a non cambiar a lexislación sobre o aborto

A instancias do BNG, o pleno da Deputación aprobou dirixirse ao Goberno do Estado para reclamar o mantemento da Lei 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo

Mario Outeiro afirmou que “o PP pretende dar unha volta atrás de décadas nos dereitos das mulleres para negarlles a capacidade a súa capacidade a decidir”

Lugo, 30 de abril de 2013. A Deputación de Lugo, logo do pleno celebrado hoxe e a instancias dunha proposta do BNG que se aprobou cos votos a favor dos dous socios de goberno e coa abstención do PP, instará ao Goberno do Estado a non modificar a lexislación vixente sobre o aborto, recollida na Lei 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, para evitar que sigan adiante as intencións do ministro de Xustiza, Ruíz Gallardón, de modificar esta lei e que tanta polémica están a suscitar na cidadanía.

O portavoz do BNG na Deputación afirmou que “Gallardón ten en mente facer unha reforma da lei do aborto só para contentar ás organizacións ultra católicas e reaccionarias como ProVida, defendendo que a malformación do feto xa non será un suposto para poder interromper o embarazo. Xa ameazou con isto ao momento de ser nomeado ministro de Xustiza e agora, un ano despois, anuncia que plantexará unha reforma que converte o que debe ser un dereito nun delito, coas consecuencias que conleva desde unha perspectiva global, integral e de xénero non só de cara ás mulleres en particular, tamén de cara á sociedade no seu conxunto”.

Mario Outeiro insistiu en que “a iniciativa responde a intereses de determinados movementos ultraconservadores, que pretenden volver poñer a muller no papel de tutelada, como suxeitos pasivos que non teñen capacidade de decidir sobre a súa vida”. Neste camiño, o portavoz do BNG afirmou que “a reforma vai no camiño de negar a capacidade á muller de decidir por si mesma, o que constitúe polo tanto unha medida machista propia dunha sociedade patriarcal” e preguntouse en alto se isto pasaría pola cabeza dos dirixentes do PP “se quen parísemos fosemos os homes? Daríase este debate se a decisión recaese nos homes? A interrupción voluntaria do embarazo é un dereito, non un delito”.

Desta maneira, o portavoz do BNG na Deputación argumentou que “hai datos contrastados que amosan que nos países nos que o aborto é ilegal, as interrupcións non diminúen, pero pasan a facerse en condicións que fan perigar a vida das mulleres. Por que empregan o argumento do dereito da vida para o feto, e non obstante negan este dereito para as mulleres? Quen pode obrigar a unha muller a ser nai cando non quere selo? Un goberno non pode obrigar a traer ao mundo a unha crianza con grandes problemas de discapacidade, cando foi o goberno que recortou até tal extremo o sistema de atención á dependencia, que na práctica supón abandonar a ambos á súa sorte.

Por todo isto, o BNG logrou sacar adiante a súa moción e a Deputación instará ao Goberno do Estado a manter a Lei 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, garantir o dereito das mulleres a someterse a unha interrupción voluntaria do embarazo dentro da rede publica galega e no seu hospital de referencia e que se asegure o funcionamento público dos Centros de Orientación Familar e o mantemento e ampliación dos recursos económicos, para garantir a saúde sexual e reprodutiva das mulleres.

Exit mobile version