Manterá encontros nas catro provincias para a súa rápida adhesión ao acordo e así axilizar a atención aos afectados
SANTIAGO. A Fegamp acordou hoxe iniciar unha rolda de reunións polas catro provincias cos 315 alcaldes de Galicia para presentar e explicar o convenio asinado este luns en Madrid coa Xunta e o Consello Xeral do Poder Xudicial sobre prevención de situacións de vulnerabilidade nos desafiuzamentos por falta de pagamento de hipotecas ou rendas de aluguer.
En esencia, o protocolo fixa procedementos para que un xuíz, cando teña coñecemento dun desafiuzamento, informe aos servizos sociais de Xunta e concellos para que procedan a atender aos afectados antes de que se produza o desaloxo. Dese modo, prevéñense situacións de exclusión social como os que se viñeron coñecendo desde que comezou a crise.
Para que este mecanismo forneza o efecto desexado, é preciso que cada concello se adhira e forme aos seus servizos sociais para atender coa maior axilidade os casos que trasladen os xulgados. O modelo de adhesión xa está dispoñible na web da Fegamp, e pode realizarse a través de resolución de alcaldía.
A intención da Fegamp é de manter encontros nas próximas semanas en cada unha das catro provincias cos alcaldes e cos seus respectivos técnicos dos servizos sociais. Ademais da Federación, a estas reunións asistirán responsables da Dirección Xeral de Xustiza e da Dirección Xeral de Familia e Inclusión Social, os dous departamentos da Xunta que forman parte do protocolo de actuación.
Desde que informou favorablemente deste convenio o pasado mes de marzo, a Fegamp mantivo aberto un diálogo constante con estas dúas direccións xerais para articular un procedemento de coordinación e información. Dese modo, a súa posta en marcha farase dun modo áxil despois de que se vaian adherindo os concellos.
O presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela, puxo de manifesto que este convenio “dá resposta á esixencia social de dar resposta aos problemas” da cidadanía “e facelo en tempo real, con inmediatez”. O alcalde de Ferrol destacou que o acordo asinado o luns xunto ao presidente do Poder Xudicial, Gonzalo Moliner, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “abre unha nova fórmula de cooperación entre administracións”, un camiño “que xa estamos a percorrer dunha forma lóxica concellos, comunidades e Estado”. Ademais, puxo en valor o traballo dos técnicos municipais de servizos sociais, “que están barrio a barrio, rúa a rúa, coñecendo as necesidades dos veciños que peor o están pasando”.
“Estou convencido de que os concellos de Galicia estarán á altura do que os seus veciños esperan deles, como o estiveron ante outras problemáticas sociais que xurdiron á sombra da crise”, rematou.