Site icon Crónica3.com A Mariña

A plataforma Comarca de Mondoñedo Unida organiza unha “performance” reivindicativa para o Día do Traballo

A actividade conta con guión do dramaturgo mindoniense Paco Piñeiro

Na asemblea celebrada onte luns, os integrantes da plataforma Comarca de Mondoñedo Unida acordaron levar a cabo un acto cultural-reivindicativo coincidindo coa Festa do Traballo, o vindeiro un de maio ás dúas menos cuarto do mediodía na Alameda dos Remedios. Nesta actividade, titulada “Mondoñedo… sempre xuntos” poden participar como actores e actrices tódalas persoas que o desexen. A día de hoxe xa se conta coa colaboración de actores amadores como é o caso do mindoniense afincado en Cervo, José Manuel González “Copa”, Elías Noël Fernández ou a compañía xuvenil de teatro que dirixe Ester Otero. Os interesados en sumarse á actividade poden participar nos ensaios que terán lugar o vindeiro domingo ás doce do mediodía na Alameda dos Remedios.

Na mesma asemblea tamén se acordou manter unha xuntanza o vindeiro 25 de abril coa Corporación Municipal de Lourenzá e dar a coñecer as diferentes actividades que se desenvolverán nos vindeiros días como a xuntanza da mesa económica que terá lugar o vindeiro venres, 3 de maio.

Exit mobile version