Site icon Crónica3.com A Mariña

A plataforma contra os abusos eléctricos denuncia que non se cumpren as normativas do director xeral de Industria

A Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico denuncia que a Delegación Territorial da Xunta en Lugo é incapaz de facer cumprir as normativas do director xeral de Industria.

Un veciño de San Cibrao pasou dous meses sen subministro eléctrico debido a un corte irregular efectuado por Gas Natural SUR o 19 de febreiro de 2013. A este usuario cortóuselle o subministro debido a unha débeda existente que en ningún momento se reclamou de forma fehaciente ó usuario tal e como estable a normativa. A pesar de que o usuario presentou reclamación o día 25 de febreiro na Delegación Territorial de Lugo e pese a que unha instrución de 5 de novembro de 2012 do director xeral de Industria da Xunta recolle claramente este caso e establece que se lle debe de restablecer inmediatamente o subministro, dita reconexión non se efectuou ata o día 19 de abril de 2013 e a través doutro cauce.

Dáse a particulariedade de que neste caso se solicitou a baixa do subministro por parte de Gas Natural SUR en base á falta de pago de dúas facturas pendentes que non se notificaran ó titular. Unha vez abonadas ditas facturas, Gas Natural négase a repoñer o subministro debido a que agora reclama unha factura anterior, da cal tampouco se tiña coñecemento e da que non informou nun primeiro momento a Industria. O usuario tivo ademais que esperar máis de 10 días a que Gas Natural SUR lle enviase dita factura con código de barras para poder abonar a débeda, factura que nunca chegou. Finalmente a través da plataforma conseguiuse que puidese abonar dita cantidade sen a mencionada factura física. Pese a todo isto e a pesar de non ter xa débeda algunha coa compañía este cliente tivo que solicitar un alta nova, co conseguinte desembolso a maiores, cercano aos 90 euros, e os cinco días máis de atraso establecidos para elo.

Desde a plataforma critican novamente a incapacidade por parte da Delegación de Industria para facer valer os dereitos dos usuarios e obrigar ás comercializadoras a cumprir coa normativa e impedir, cortes de subministro irregulares. A instrución do director xeral de Industria da Xunta establece claramente que cando se produce unha reclamación por un corte de subministro e a compañía non presenta no mesmo día xustificante de previo aviso ó consumidor, débese proceder de inmediato á reconexión do subministro. Neste caso Gas Natural SUR non aportou dito xustificante á delegación de Industria de Lugo, limitándose a comunicar que si foran enviados sen presentar proba de elo.

Como consecuencia, unha familia de seis membros tivo que sobrevivir sen subministro eléctrico durante máis de dous meses. Fontes da Consellería de Industria confirmaron que esta reclamación seguramente acabe cun expediente sancionador cara a compañía unha vez que poidan comprobar se realmente existiu ou no notificación fehaciente do corte, o que amosa unha vez máis que dita xustificación non foi entregada pola compañía á Delegació Territorial de Lugo.

Exit mobile version