Site icon Crónica3.com A Mariña

A VII Feira da Artesanía do Ferro congregou a milleiros de persoas que tiveron ao seu dispor máis de 100 postos

feira-ferroAntonio Veiga participou na apertura da desta Feira de Artesanía do Ferro.

Lugo, 21 de abril de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga participou esta mañá na inauguración da VII Feira da Artesanía do Ferro en Riotorto, acompañado do alcalde de Riotorto, o tamén nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, e a corporación municipal.

Na súa intervención ante a veciñanza, o alcalde de Riotorto destacou “a importancia que a artesanía do ferro ten para o concello de Riotorto non só desde o punto de vista etnográfico ou da tradición, senón tamén como un motor económico que sexa capaz de xerar emprego e riqueza, ademais de ser unha fonte de atracción do turismo, xa que grazas a este evento de posta en valor da nosa tradición ferreira o noso concello queda situado no mapa de Galiza para os lucenses, galegos e persoas do resto do Estado que nos acompañan”. Neste sentido apuntou que “temos que agradecer á Área de Cultura da Deputación de Lugo o seu apoio para contribuír a que a tradición do ferro se erixa como un piar de desenvolvemento económico e social para Riotorto, xa que é esta unha feira que se consegue organizar sen que o Concello de Riotorto teña que asumir custes”.

Os actos de apertura da VI Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto contaron coa actuación dos “Gaiteiros de Riotorto” e tamén do coro municipal, para pasar logo a unha demostración en vivo de forxado e traballo co ferro tal como se fixo sempre en Riotorto. As autoridades tamén puideron presenciar varias demostracións en vivo da realización de pezas en ferro doutros lugares, como a ofrecida polos ferreiros da Fonsagrada, ou o obradoiro de ferro a cargo do ferreiro austríaco Friedrich Bramsteidl. O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, coa compaña do alcalde de Riotorto, aproveitou para percorrer os postos dedicados á exposición de artesanía, que incluían outro tipo de produtos a maiores dos realizados con ferro, como produtos gastronómicos e ecolóxicos, pratería, cestería, vidro, liño ou traballos de coiro.

Esta é a VII edición dunha Feira da Artesanía do Ferro que cada ano que pasa medra en interese e poder de convocatoria entre as xentes non só do propio concello, senón tamén das comarcas próximas e de toda Galiza, que este ano se contaron por milleiros, ademais de convocar a un número moi alto de expositores, superando amplamente o cento de postos. Ademais, as persoas que asisten poden gozar durante todo o día de demostracións en vivo e obradoiros do ferro para os máis pequenos.

Esta completa xornada inclúe animación de rúa a cargo da Volta e dálle co espectáculo O Afiador e con Os Quinquilláns facendo o espectáculo Os feirantes. Xa pola tarde, a partires das 17.00 horas, houbo demostración en vivo da artesanía do ferro con Alberto Leis de Santiago de Compostela, os Ferreiros de Riotorto, os ferreiros da Fonsagrada e un taller infantil do ferro a cargo de Friedrich Brasmsteidl, así como un obradoiro de torneado de madeira e outro de alfareiría.

Exit mobile version