Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta está a executar obras de mellora por importe de preto dun millón de euros en camiños rurais da Mariña

A delegada territorial, Raquel Arias, destacou en Celeiro a importancia de dotar de accesos axeitados a todos os núcleos para “facilitar a mobilidade da poboación e, en especial, as actividades agrícolas e forestais”.

Visitou os traballos de reforma do camiño do Castelo, nos que a Consellería do Medio Rural e do Mar inviste máis de 64.000 euros.

Viveiro, 2 de abril de 2013.- A Consellería do Medio Rural e do Mar está a executar na Mariña obras de mellora en camiños e pistas rurais que suman un importe de máis de 960.000 euros.

Só neste primeiro trimestre, a Xunta actuou en preto de medio centenar de tramos, todos eles en pequenos núcleos de poboación, mellorando o firme e realizando outros traballos complementarios.

Así o asegurou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, durante a visita que realizou aos traballos que se executan no camiño do Castelo, en Celeiro (Viveiro), dotados con 64.760 euros e que consisten na mellora da capa de rodadura cun novo firme de aglomerado en quente nun tramo de 880 metros de longo e 4 de ancho.

Arias subliñou a relevancia que está a ter o Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (Peim), cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Goberno central, por canto afecta á calidade de vida dos veciños e veciñas e incide en proxectos destinados a dinamizar a base produtiva.

Ao respecto, explicou que a construción de accesos axeitados no medio rural non só facilita a mobilidade da poboación, senón que beneficia en especial ás actividades agrícolas e forestais. Estas pistas, afirmou a delegada, “son en ocasións o único acceso que teñen os núcleos de poboación afectados” e deben manterse en bo estado de conservación, “tanto pola seguridade dos veciños e veciñas como para garantir o normal funcionamento do transporte que as utiliza, como o transporte escolar, de gando ou de produtos agrícolas”.

Arias afirmou que o esforzo inversor realizado no Peim “demostra o valor estratéxico que lle concede o goberno galego ao incremento da base produtiva no rural, á incorporación de profesionais ao sector agrario para conseguir que a mocidade labre o seu futuro nos pobos”.

A delegada sinalou que a totalidade das obras previstas na comarca da Mariña están xa rematadas ou en avanzado estado de execución, polo que todos os tramos afectados estarán operativos antes do verán.

Traballos na Mariña occidental
Na Mariña occidental investíronse en total 350.000 euros. Ademais da obra de Viveiro xa reseñada, realizáronse traballos en Cervo, que significaron a mellora do camiño de Arbol a Nogueira (Rúa), o acceso en Paraño (Sargadelos), accesos a Chousa do Agro e outras pistas en San Tomé e no Eixo (San Román), así como o arranxo do camiño de Lagoas e accesos en Cuiña, no núcleo de Cervo.

En Ourol acometéronse melloras no camiño de acceso á Barrela e o enlace entre A Costa e Souto Alto, en Xerdiz; o camiño entre Penagateira e A Garita, en Bravos; o acceso a Barces en Ourol, e o camiño que une Borra e Cernada, en Sisto.

No Vicedo procedeuse ao afirmado do camiño de Morgallón e do camiño do Canto do Muro e, por último, en Xove reparouse o firme das pistas de acceso a Camba e Cruceiro.

Durante a visita a Viveiro, Raquel Arias estivo acompañada polo delegado autonómico de Tragsa, César Aja, xa que boa parte das obras foron tramitadas ou directamente executadas pola empresa pública.

Exit mobile version