Ribadeo, 1 de abril de 2013. A oitava edición do concurso de tapas Ribadeo de tapeo desenvolverase do 10 ao 19 de maio. A inscrición no evento, que organizan a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo de Ribadeo e a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, está aberta desde hoxe ata o vindeiro 12 de abril ás 14 horas.
A edil Ana Martínez explicou que “este ano o Ribadeo de tapeo será do 10 ao 19 de maio, tentando aproveitar a ponte das Letras Galegas e collendo así dúas fins de semana” e convidou e animou a participar “a todos os establecementos hostaleiros tanto de Ribadeo coma das parroquias que o desexen. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe mesmo ata o 12 de abril. A documentación deberase entregar nas oficinas da Área de Desenvolvemento Local de Ribadeo, como cada ano, ou a través do correo electrónico adl@ribadeo.org”.
A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo salientou que “dentro da programación de actividades do concurso haberá certas novidades coma unha aplicación para móbiles, coa que se poderá seguir esta cita gastronómica e haberá tamén un curso de tapas creativas que terá lugar o 8 de abril a partires das cinco da tarde nas instalacións que cede o hotel Voar, como colaborador do concurso de tapas. O curso será impartido polo cociñeiro Gonzalo Pañeda, que leva actualmente o restaurante El Puerto de Gijón, que conta cunha estrela Michelín. Este cociñeiro é un dos profesionais máis recoñecidos no panorama gastronómico e nos amosará como mellorar as nosas tapas e como crear unhas tapas atractivas e saborosas buscando un pouco diferenciarnos doutros anos”. Os interesados en participar neste curso deberán inscribirse “porque temos un número limitado de prazas. A ficha de inscrición estará dispoñible na web www.ribadeo.org ou comunicándose a través do correo electrónico adl@ribadeo.org ou no teléfono do Concello 982 120 701”.
Ana Martínez tamén anima “aos establecementos que participen no Ribadeo de tapeo a organizar actividades paralelas lúdico gastronómicas como poden ser concursos, degustacións, presentacións de produtos, talleres… o que se lles vaia ocorrendo a carón do que é o propio tapeo. Que se animen a participar presentando unha tapa a concurso por cada local e buscando esa calidade e orixinalidade que nos distingue e identifica este certame doutros que ás veces busquen o mesmo”. A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo engadiu que “procurando sempre buscar esa dinamización do sector hostaleiro e de restauración tamén terá continuidade esa iniciativa que arrincou o ano pasado dos Soños gastronómicos, no que os hoteis decidiron colaborar co Ribadeo de tapeo con agasallos gastronómicos e de benvida aos seus clientes e creando paquetes especiais para aquelas persoas que se achegasen a Ribadeo a desfrutar do concurso de tapas”.