Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA convida a percorrer este domingo a montaña de Becerreá

O vindeiro domingo, 28 de abril, ADEGA realiza un roteiro pola montaña lucense de Becerreá, ás portas dos Ancares, dentro do programa de roteiros da Galiza Máxica 2012-2013. O percorrido será duns 18 quilómetros aproximadamente e discorrerá desde a aldea de Quintá de Cancelada ata a aldea de Cabana, pasando por varios pobos, fragas, soutos, vales, e ríos. Acompañaranos na nosa marcha o río Donsel. Para reservar praza é preciso chamar antes ao 982 240 299 ou 679 113 718.

Este roteiro descorrerá por fermosas paisaxes dos Ancares, nas que aínda se conserva un rico patrimonio cultural asociado a diversas lendas populares. O punto de partida será a aldea do Couso (800 m). Baixando cara ao val e bordeando o monte O Aguillón chégase a Quintá da Cancelada, que conta con interesantes elementos etnográficos. Continuando cara ao Teso das Táboas, o sendeiro lévanos pola Fraga de Valiñas e o souto do Carballal. Cruzando o río Donsal (afluente do Navia) pásase pola aldea de Sevane, na que destacan tamén algunhas construcións tradicionais, unha antiga mina, unha minicentral e unha fervenza en escada. O ascenso dende o río á aldea de Buisán lévase a cabo entre unha rica vexetación aderezada con algúns muíños e ouriceiras. Pasando pola aldea de Arroxiña, descéndese de novo ao río Donsal a través dun camiño con fermosas vistas do val do río Navia. Tas cruzar o río chégase á aldea de Cabana, na que finaliza o roteiro.

Colaborará con ADEGA na organización deste roteiro a Asociación Castiñeiro e Nogueira de Quintá de Cancelada.

O autobús sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado ás 9.00 h. É imprescindible anotarse chamando ao 679 113 718 ou ao 982 240 299.

O prezo será de 15 euros; 12 para estudantes, xubilados ou parados; 10 euros para os socios e 5 para os menores de 17 anos.

Vindeiros roteiros
26 Maio: Xove (Pena do Fraire-Tesouros Ceranzos)

23 Xuño: Allariz (Santa Mariña de Augas Santas)

Exit mobile version