Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Ermida acusa ao PP de legalizar o roubo dos aforros de milleiros de mariñáns

O BNG denuncia que o Goberno do Estado vende o cambio de preferentes e subordinadas por accións como unha solución cando supón unha nova estafa

“O Partido Popular promove a recuperación dos bancos afogando ás familias con impostos, copagos, repagos e roubándolles o seus aforros”

A Mariña, 11 de abril de 2013. A responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Mariña, Ana Ermida, acusa ao Partido Popular de ser cómplice do roubo aos titulares de participacións preferentes e obrigacións subordinadas o que, segundo afirma, “explica que en ningún momento, desde que se descubriu esta estafa, os populares se pronunciaran de xeito contundente e se posicionaran do lado dos afectados e afectadas.”

O Pleno do Congreso dos Deputados consolidará hoxe este roubo coa aprobación do Real Decreto Lei de protección dos titulares minoristas de preferentes que ordena as aportacións dos bancos ao Fondo de Garantía de Depósitos para pagar aos preferentistas as accións que van recibir a cambio das participacións preferentes.

Para Ermida “esta medida é un insulto a todas as vítimas deste atraco que comeza xa co nome do Real Decreto en canto non supón ningún tipo de protección para os preferentistas senón que consolida o roubo dos aforros que lograron con esforzo e sacrificio. O Goberno do Estado pretende que o cambio de preferentes por accións se vexa como unha solución cando estas accións pertencen a entidades bancarias cuxo futuro é incerto e incluso están próximas á desaparecer, como é o caso de Novagalicia Banco, polo que o valor desas accións achégase a cero.”

A responsábel comarcal insiste en que “hoxe confírmase o desprezo do Partido Popular aos afectados e afectadas que ademais sufrirán unha quita do 43 por cento sobre os aforros invertidos e legalízase o roubo dos aforros de milleiros de mariñáns, xa que cada día hai máis persoas que se enteran de que son titulares de participacións preferentes e obrigacións subordinadas. Estamos nun punto no que até é case imposíbel coñecer o alcance real da estafa.”

Desde o Bloque da Mariña seguirán amosando o seu apoio e solidariedade aos afectados e afectadas por esta fraude e continuarán defendendo o que entenden que é de xustiza, que se lle devolvan integramente os seus aforros. “Os nacionalistas seguiremos promovendo o posicionamento de todos os concellos a favor dos estafados e estafadas e acordos nos que se inste a facer as modificacións lexislativas necesarias para que se elimine a quita.”

“Non só é de xustiza –continuou Ermida- que se devolvan integramente os aforros a todos os mariñáns senón que é de xustiza que os culpábeis e todos aqueles que ampararon este roubo asuman a súa responsabilidade e sexan xulgados. Mentres o Partido Popular facilita a recuperación da banca, afoga ás familias con impostos, copagos, repagos e róuballes os seus aforros.”

Neste senso a responsábel comarcal do BNG concluíu recordando que “en Galiza o auxe na emisión de preferentes e subordinadas produciuse durante os gobernos do Partido Popular e, polo tanto, Feijóo debe dar explicacións, xa que, ademais, existen indicios de que o seu Executivo ocultou datos de auditorías nas que se advertía da pésima situación das caixas galegas.”

Exit mobile version