Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga presentou o II Volante Deputación de Lugo para formación de novos pilotos de rallyes

rIMG_2368O proceso de selección será entre o 21 e 23 de xuño

O vicepresidente nacionalista da Deputación de Lugo e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, xunto á tenente de alcalde nacionalista da Pastoriza, Elva Carreira; o representante de PTC, Antonio Solórzano; o gañador do 1º Volante Deputación, Carlos López; e o piloto Sergio Vallejo presentaron esta mañá o II Volante Deputación de Lugo, un programa de selección e formación para novos pilotos que pretende achegar ao mundo da competición automobilística a calquera persoa sen experiencia, vivíndoo dende dentro dun rally como é o San Froilán e combinando deporte e formación. Logo dun proceso de formación e selección os días 21, 22 e 23 de xuño, no circuíto da Pastoriza, o piloto gañador poderá competir no Rally San Froilán con todo o necesario para facelo ao amparo dun equipo ao completo: vehículo de competición, copiloto experimentado, servizo de asistencia no rally, pneumáticos, equipo técnico e mecánico e inscrición no rally.

Na súa intervención, Antonio Veiga animou “a todos os afeccionados do mundo do motor a participar no Volante Deputación de Lugo, pois de gañalo, participarían no Rallye San Froilán, unha proba histórica que este ano acada a súa XXXV edición, e pola que teñen pasado os mellores pilotos da esfera nacional e estatal”.

As principais novidades con respecto á edición do ano anterior son dúas: dunha banda, as inscricións ábrense a toda Galiza e polo tanto deixará de ter carácter provincial e pasará a ter carácter galego e, doutra banda, o gañador do ano pasado repetirá a experiencia, participando novamente no Rallie San Froilán, contando cos mesmos apoios que tivo o ano pasado.

Os principais requisitos para participar neste II Volante Deputación de Lugo son: estar empadroado en calquera Concello de Galiza; non ter experiencia previa, como piloto, de ningún tipo, excepto karting, en competicións automobilísticas; estar en posesión do permiso de conducir na data na que se realicen as diferentes fases e reunir todos os requisitos para obter a Licenza de Condutor (Piloto), segundo a normativa de licenzas do ano en curso.

As inscricións e información deberán formalizarse e solicitarse a través do seguinte email: piloto@ptcescuela.com. O prazo de inscrición comeza o día 6 de maio e rematará o día 18 de xuño. O custo da inscrición será de 36 euros (IVE incluído), importe que se lle devolverá aos 3 primeiros clasificados.

Exit mobile version