Site icon Crónica3.com A Mariña

Autismo Galicia adica o Día Mundial do Autismo á inclusión laboral e sanitaria

Mercedes Carreras, Antonio de la Iglesia e María Jesús Núñez3 de abril, Santiago de Compostela.- A Federación Autismo Galicia conmemora o Día Mundial de Concienciación do Autismo coa presentación de dous programas de inclusión nos eidos laboral e sanitario, dous entornos clave para que as persoas con autismo poidan desenvolver unha vida normalizada.

Coincidindo co Ano Europeo da Participación Cidadá, Antonio de la Iglesia, presidente de Autismo Galicia e de Autismo España, fai especial fincapé na necesidade de unir esforzos para lograr unha sociedade activa e participativa para alcanzar a verdadeira igualdade dun colectivo numeroso aínda que descoñecido en gran medida.

A denominación Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) comprende un conxunto de síndromes neurobiolóxicos que afectan a 1 de cada 150 nenos en idade escolar. Estímase que só en Galicia, arredor de 2.000 persoas presentan un destes trastornos crónicos, que afectan principalmente ás capacidades sociais e de comunicación.

Facilitar o uso dos servizos sanitarios

As persoas con TEA teñen problemas á hora de expresar as súas dificultades e adoitan presentar especial sensibilidade aos ruídos, olores ou ao tacto, polo que é fundamental que os profesionais que os atenden nos centros de saúde coñezan estas características e poidan brindarlles unha atención de calidade.

Nun acordo pioneiro en Galicia, a Federación Autismo Galicia e a Facultade de Enfermería da Universidade de Santiago desenvolverán un programa de formación e sensibilización entre os estudantes do grao de enfermería e os usuarios do Centro de Día de Villestro de ASPANAES. Con este traballo conxunto, preténdese fomentar a familiarización entre os profesionais sanitarios e os pacientes con TEA para facilitar así o seu paso polos centros de saúde, un lugar que adoita resultar estresante e confuso para as persoas con autismo.

A decana da Facultade de Enfermería, María Jesús Núñez, destaca a colaboración da Consellería de Sanidade, que desde onte ten dispoñible na súa intranet un programa informático que permite crear frases con pictogramas para poder comunicarse adecuadamente cos pacientes con TEA.

O traballo como forma de plena inclusión

A plena participación social pasa necesariamente pola inclusión laboral, unha meta que require do compromiso de toda a sociedade. Baixo esta premisa, Autismo Galicia presenta o programa de formación en habilidades sociolaborais, que ten como obxectivo axudar ás persoas con TEA a desenvolver as súas capacidades organizativas e sociais de cara á súa inclusión nunha empresa ordinaria.

Esta formación está dirixida a apoiar o traballo dos preparadores laborais, os profesionais que buscan o posto de traballo adecuado ás capacidades da persoa, a forman e a acompañan ata que esta pode desenvolver o seu traballo diario de forma autónoma e eficaz. Deste xeito, a persoa con TEA pode lograr unha vida activa e independente que favorecerá o seu desenvolvemento persoal, tal como demostran anteriores experiencias de emprego de persoas con TEA en empresas ordinarias.

Sobre a Federación Autismo Galicia

É unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, que agrupa a 9 entidades que prestan servizos, integrais e específicos, dirixidos a persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) e ás súas familias. Os destinatarios dos servizos da federación son as entidades galegas que desenvolven o seu labor coas persoas con TEA e coas súas familias e son membros da federación.

Forma parte da rede nacional da Confederación Autismo España, internacional Autismo Europa e traballa co CERMI Galicia e EAPN Galicia.

Exit mobile version