Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro: “A Rajoy e Feijóo úneos a resignación; acaban de renunciar ao proxecto de lexislatura e a saír da crise”

O aspirante á secretaría xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, incidiu esta mañá na posición defendida no último Comité Nacional do partido en Santiago e destacou que estamos “nun momento histórico” porque “por primeira vez un Goberno, o do PP, resígnase e renuncia ao seu proxecto de lexislatura e a saír da crise”. Gómez Besteiro lembra que “Rajoy acaba de dicir que os resultados de creación de emprego van ser nefastos neste mandato, o que supón renunciar explicitamente ao seu proxecto de lexislatura, e en Galicia o presidente Feijóo xa hai tempo que nos ten dito que el non ten competencias activas contra o paro”.

Por tanto, resalta, “atopámonos en Galicia cun presidente que renuncia a un proxecto galego de creación de emprego e en España un presidente do Goberno que renuncia” á lexislatura. “Aos dous úneos a resignación, que é o peor de todo, a renuncia a cambiar as cousas, a saír da crise, e por iso creo que o PSOE é máis importante ca nunca como partido de esquerda e como partido de solucións. Non só de denuncia, senón de solucións, que é o partido no que eu creo”, asegurou. Gómez Besteiro lembrou cifras como os case 300.000 desempregados ou os milleiros de mozos e mozas que deixaron Galicia nos últimos anos. “Evidentemente non se pode dicir que Feijóo equivalla a éxito económico e creación de emprego nin que haxa compromiso para o crecemento desde Galicia”, afirmou.

Sistema de elección interna

En canto ao proceso interno de elección no PSdeG, Gómez Besteiro mostrouse “satisfeito” porque a súa posición “é defender o marco de primarias”. O socialista, que xa se pronunciou e votou a favor deste sistema no anterior Comité, decidiu non participar co seu voto nesta ocasión seguindo a súa máxima de non ser “xuíz e parte”, xa que o que se decidía era a normativa para a elección do secretario xeral. Gómez Besteiro explicou que, do mesmo modo, tampouco acudiu á Executiva celebrada xusto antes do Comité porque defende que “un aspirante non pode participar nunha votación que decida as regras e o marco de xogo” para a elección.

“Como saben, eu no Comité Nacional non votei , aínda que manifestei cal era a miña opinión, porque son aspirante á secretaría xeral e non son un candidato do rumor, por tanto o que non está ben, desde o meu punto de vista, aínda que respecto todas as posicións, é que un candidato se pronuncie sobre o regulamento, sobre as datas, a porcentaxe de avais precisos ou cando debe ser a campaña, porque non me parece serio”, argumentou. “É unha cuestión de ética e por iso non votei, aínda que falei alto e claro no Comité sobre a miña posición, que se basa en que miremos para dentro pero non demasiado adentro, porque temos que implicarnos e solucionar os problemas de fóra”, engadiu.

Primarias

Asimesmo, Besteiro convidou “ao resto de partidos” a sumarse ao sistema de primarias, “porque é máis transparente” e “cando un ten a vontade ou ten a miña postura, que creo que este é un partido de militantes, non hai que ter medo a darlles voz”. “Non entendo que outros partidos non as apoien, porque non hai dúbidas cando os militantes elixen, ao igual que non hai dúbidas cando os cidadáns elixen nunhas eleccións”, afirmou.

O socialista non quixo profundizar na data elixida para as primarias. “É o que elixiu o partido, e eu non vou cuestionar o procedemento e as datas. Sométome ao que diga o meu partido, e como xa dixen que non son un candidato do rumor, xa teño manifestado que vou participar no marco que decida o meu partido”, aseverou, e lembrou o que xa manifestou no pasado Comité, “que este debe ser o derradeiro calendario que se fixe para as primarias”.

Exit mobile version