Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela incrementou nun 100 por cento a recollida de residuos de aceites vexetais

Foto recollida aceite BurelaBurela, 29 de abril de 2013. Durante o primeiro trimestre de 2013 Burela incrementou nun 100% a recollida de residuos de aceites vexetais, segundo os datos que daba a coñecer esta mañá a concelleira de Medio Ambiente.

Patricia López Eijo sinalou que “dada a importancia de xestionar correctamente estes residuos e evitar a vertedura dos mesmos á rede de sumidoiros en abril de 2008 implantouse o servizo de recollida de restos de aceites vexetais domiciliarios a pé de rúa, coa instalación de dez colectores no que o depósito dos residuos realizábase por baleirado”. E lembrou que “en vista de que a colaboración cidadá para proceder a recoller estes residuos vexetais decrecía ano a ano, en febreiro de 2012, procedeuse a modificar o modelo de depósito para que os veciños e veciñas de Burela puidesen depositar os residuos en botellas pechadas directamente no colector sen necesidade de proceder ó baleirado das mesmas”.

Para a concelleira de Medio Ambiente “o éxito da iniciativa reflíctese na cantidade de residuos de aceites vexetais recollidos no primeiro trimestre de 2013, 640 litros, o que supón un incremento do 100% con respecto ao mesmo período do ano pasado.Con esta conduta, no primeiro trimestre de 2013, evitouse contaminar 704 m3 de auga”. López Eijo dixo que “esta recollida xa se vira incrementada nun 71% o ano pasado con respecto ao 2011 e agora seguimos a mellorar ese dato”. No primeiro trimestre do ano 2012 recolléronse nos colectores de Burela 320 litros de aceite usado e neste 2013 foron 640 os litros depositados.

Dende a Delegación de Medio Ambiente “queremos agradecer aos veciños/as a súa colaboración e recordarlles que deben depositar os residuos de aceites vexetais en botellas pechadas que non sexan de cristal, e cuxa capacidade non exceda dos dous litros para que entren con facilidade pola boca do colector”.

Patricia López subliña que “agora mesmo este servizo non ten ningún custe para o Concello de Burela, tras as negociacións que mantivemos coa empresa que se encarga da recollida. Saíunos gratis o ano pasado e tamén neste 2013. Algo que contrasta co gasto que lle supoñía anteriormente ás arcas municipais e que se situaba en 4.500 euros máis o 16% de IVE”.

Exit mobile version