Site icon Crónica3.com A Mariña

O CC Buril organiza o III Maratón de Lectura de Burela

O próximo martes, día 23 de abril, no salón de plenos do Concello, terá lugar o III Maratón de Lectura de Burela. Esta actividade, organizada polo Buril, nacía hai dous anos na nosa vila e tén por finalidade principal promover a lectura en lingua galega.

Este ano cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Galegos, obra fundacional da literatura galega contemporánea e símbolo do Rexurdimento da literatura e cultura galegas. Desde o Colectivo Buril queremos dedicar o III Maratón de Lectura a Rosalía de Castro, sumándonos deste xeito ás distintas actividades que se están a desenvolver en numerosas vilas e cidades galegas, promovidas principalmente pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), pola Fundación Rosalía e por distintas asociacións culturais de base.

Ao igual que na edición previa do maratón, a lectura prolongarase ao longo de todo o día e os textos a ler serán fragmentos da obra rosaliana ou ben textos de outros autores e autoras dedicados á poeta de Padrón. A xornada de mañá dará comezo ás 10:00 coas lecturas dos alumnos e alumnas dos centros educativos de primaria e secundaria de Burela, CEIP Os Castros, CEIP Vista Alegre, IES Monte Castelo e IES Perdouro. Pola tarde, desde as 16:00, participarán distintos colectivos e entidades de Burela, estando xa confirmada a presenza da asociación Camiña, Axuda ao enfermo mental “A Mariña”, Fundación Eu Son, Burela FS, Clube de Baloncesto, SCR Ledicia, Amigas e Amigos da Banda Música de Burela, AMAJAZZ, Centro San Aníbal, asociación Vagalume, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Clube de Lectura… así como distintas persoas que participarán a título individual.

Desde o colectivo Buril agradecen o interese mostrado por todos e todas as participantes, que fan posible este maratón de lectura en Burela. Aproveitamos tamén para convidar a todas as persoas a asistir ao maratón e disfrutar da lectura de textos de Rosalía de Castro ao longo de todo o día.

Exit mobile version