Site icon Crónica3.com A Mariña

Carme dos Tropa Lixeira gaña o I Aberto das Freces dentro da décima xornada da LNB Norleste

Carmen 310ª xornada da LNB Norleste. “I Aberto das Freces”

O doce son das gaitas acolleu a chegada da serpe multicolor a Bretoña, onde se disputou a penúltima xornada da tempada regular, nembargantes o exceso de auga na pista e as curtas dimensións da mesma, fixeron que os palanadores optaran por dirixirse o pavillón cuberto e alí seguir a festa billardeira.

Segundo se íann sucedendo as carreiras, cada quen facía os seus cálculos. Charly tropezou ao comezo por dúas veces consecutivas, non tivo o día, pero tampouco perdeu demasiado cos seus perseguidores xa que estes tamén se deixaron puntos. Na man do Carabullo está o campionato, ninguén llo pode arrebatar, so el pode perdelo, o que non parece probable dada a regularidade amosada perante toda a tempada.

Como dicía, cada quen facía as súas contas mirando quen podía acadar o pleno, chegouse a derradeira carreira ca sola posibilidade de Xermán. Pero tiña un oso duro por roer: Markytos. E foi duro de mais, nembargantes sé que puido sacarlle un empate que lle permitiu seguir con opción no aberto.

A grata sorpresa foi Carme dos Tropa Lixeira que sen facer barullo foi desfacéndose dos rivais un tras outro cedendo so un empate con Adrián. Daquela a final estaba servida: Xermán Vs. Carme.

O terceiro posto foi moi disputado, nin mais nin menos que 8 palanadores entraron na loita, e foron estes: Daniel, Coedo e Markytos de “Billardeiros Musicais”; Adrian de “Extensión Billarda”; Cortón de “O Cadaval”; Geni de “Os Outros”; Marcos de ”Remourelle Bulls” e Xosé de “Tropa Lixeira”. Xa de comezo Markytos fixo varado e colleu a dianteira, os demais tentárono pero ninguén foi quen de seguir o ritmo do bicampión e tiveron que deixalo subir o 3º posto.

Dúas carreiras faltaban por disputar para saber quen era o campión do aberto e deron comezo cos aplausos dos xeareiros que non cesaron en ningún momento. Carmen deu o primeiro paso gañando a contra con dous golpes precisos. Na segunda carreira foi Xermán quen se levou a vitoria así que unha mais na que saíu dominando Xermán, pero errou o segundo golpe e Carme aproveitou a súa rolda para de forma maxistral perforar o varal e converterse en campioa do Aberto das Freces e na primeira dona que consigue gañar un aberto esta tempada.

Por equipos foron os Billardeiros Musicais os que dominaron e aumentaron a súa vantaxe ao fronte da clasificación. Téñeno practicamente feito a falta so dunha xornada.

Os primeiros clasificados recibiron uns artístico e saborosos trofeos de chocolate saídos das artísticas mans de Rodrigo alias “Herví”.

A clasificación queda así:

Individual:

Charli 82 p., Marcos 78 p., Eric 75 p., Regueiro 71 p., Daniel 70 p.

Equipos:

Billardeiros Musicais 284 p., Os Outros 261 p., Tropa Lixeira 247 p.

Varados:

Charli 12, Regueiro 11, Eric 8, Markytos 7, Daniel e Martiño 6.

A derradeira xornada será en Remourelle, onde se entregarán os trofeos ós campións e se dará lista definitiva de clasificados para a gran final de Santiago de Compostela.

Exit mobile version