Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo presenta o primeiro Curso de Oeanografía aplicada ao surf que organiza o Club Limosa

curso_oceanografiaCervo, 18 de abril de 2013.- Cervo vén de presentar o primeiro Curso de Oceanografía aplicada ao surf que se imparte no municipio cervense e que organiza o Club Limosa Surf coa colaboración do Concello. Trátase dunha iniciativa de iniciación dirixida aos afeccionados a este deporte a través da cal as persoas asistentes poderán coñecer mellor o mar como escenario da práctica do surf.

Unha actividade que espertou o interese de moitos afeccionados que xa se inscribiron. De feito, aos poucos días de abrirse o período para apuntarse xa se cubriran todas as prazas dispoñibles, un total de 30, procedentes de distintos puntos da Mariña e de toda Galicia. O curso presentouse esta mañá nun acto ao que acudiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, o membro do Club Limosa Surf Evaristo Blanco e o concelleiro do BNG de Cervo, Xosé Antón Estúa.

Este curso estará impartido por Tony Butt, surfista inglés, descubridor de grandes ondas da costa galega como A Pampillosa ou O Berberecho, licenciado en Ciencias do Mar e doutor en Física Oceánica pola Universidade británica de Plymouth, escritor do libro “Surf Science” e colaborador de revistas e publicacións especializadas.

En canto aos contidos, hai que ter en conta que se trata dunha xornada técnica na que se abordarán temas como a xeración das ondas, a propagación do mar de fondo, o achegamento á costa e a rotura das ondas ou a predición. Unha iniciativa que “decidimos apoiar xa que se trata dunha actividade moi interesante, a través da cal os afeccionados ao surf poden aprender a entender mellor a dinámica das ondas e do mar ou aprender a interpretar a información marítima da man dun experto, o que lle confire un interese e atractivo maior”.

Guillén destacou tamén “o nivel de actividade do Club Limosa Surf, que ademais de fomentar a práctica deste deporte pon en marcha iniciativas complementarias ao surf, coma esta, de carácter máis técnico e formativo”.

Exit mobile version