Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo renderá a Conta Xeral con catro meses de antelación ao marcado pola lei e pecha o exercicio con superávit

Cervo, 19 de abril de 2013-A Concellería de Facenda informa de que a Conta Xeral correspondente ao exercicio de 2012 está preparada e xa foi exposta para o seu exame e consulta aos membros da Comisión Especial de Contas, previa ao debate plenario. Unha Conta Xeral que, segundo establece a lei, ten que estar aprobada polo pleno antes do 1 de outubro e debe ser rendida antes do 15 de outubro ao Consello de Contas.

Deste xeito, tal e como explican dende Facenda, o Concello estase adiantando aos prazos fixados pola lexislación, de forma que a conta, xa preparada para superar todos os trámites establecidos, aprobarase e enviarase ao Consello de Contas de Galicia previsiblemente catro meses antes do fixado na Lei de Facendas Locais.

Ao mesmo tempo, ademais do cumprimento dos prazos de forma anticipada, cabe resaltar as cifras positivas que arroxa a Conta Xeral, tal e como xa avanzaban os resultados extraídos da Liquidación, que se fixeron públicos hai uns días. Deste xeito, e pechado o exercicio de 2012, as arcas municipais rexistran un remanente de tesourería de 1,1 millóns de euros, de forma que se incrementa en máis dun millón de euros con respecto ao exercicio anterior e que constitúe unha fonte de financiamento para facer fronte a posibles modificacións orzamentarias.

Ao mesmo tempo tamén se produce unha subida no resultado orzamentario axustado, que é outro dos indicadores que permiten medir a solvencia do Concello. Neste caso o aumento é de máis de 600.000 euros, acadando a cifra de 832.000 euros. A estabilidade orzamentaria é outra das magnitudes que falan da situación económico-financeira do Concello e neste caso rexistra superávit estrutural de 257.000 euros, o que significa que a administración cervense ten capacidade de autofinanciamento.

A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, asegura que “é relevante que o Concello leve ao día todas as súas obrigas de xestión económico-financeira, o que demostra que existe un intenso traballo por parte do goberno local e do departamento de Intervención”. Unha situación “que nos permite coñecer e analizar con exactitude e exhaustividade a situación das arcas municipais” engade Pedreira. Ao mesmo tempo, recalca a importancia de “dispoñer dunhas contas saneadas, con déficit cero e, sobre todo, manter esta dinámica como unha liña de traballo constante na xestión económica de Cervo, que nos permite seguir prestando servizos públicos de calidade e apostando polas políticas sociais” remata a edil.

Exit mobile version