Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Clara Campoamor, la mujer olvidada’ continúa o I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia

Terá lugar o xoves 25 de abril ás 20.00h na Casa da Cultura de Burela.

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta, como novidade na súa programación para esta primavera, o I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, unha cita que pretende achegar mediante o cinema á cidadanía mariñá a historia de diversas mulleres que rachando os moldes da época, rachando coas normas impostas polo patriarcado, foron quen de facerse un oco na historia. Historias de mulleres e mulleres que fixeron historia.

O I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, nace após do éxito dunha das actividades máis asentadas do Observatorio, o video-forum Mulleres no Mundo que ten lugar en outono, desde fai catro anos, na vila de Foz. Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, terá o mesmo formato mais nesta cita primaveral o obxectivo é crear referentes, recuperar nomes de mulleres, pois aínda no S.XXI a historia séguese a transmitirse sesgada, baixo a óptica da mirada masculina, e sen ter en conta as aportacións da outra metade da poboación, as mulleres. A carteleira de películas, moi diversa e heteroxénea, dará a posibilidade de coñecer a mulleres que fixeron historia en diferentes ámbitos como as ciencias, a literatura, a política ou a arte.

A primeira edición do video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, que comezou o pasado xoves 11 de abril, continúa este xoves 25 ás 20.00h na Casa da Cultura de Burela coa proxección da película Clara Campoamor, la mujer ovidada, de Laura Mañá. A película transcorre en 1931, cando no Estado español se proclama a Segunda República. Neste contexto, as mulleres son elixibles pero non poden votar. Clara Campoamor e Victoria Kent son as primeiras mulleres deputadas que pisan as cortes e se plantexan firmemente loitar polos dereitos das mulleres. Clara Campoamor sabe que iso pasa por unha primeira e gran conquista: o voto feminino. A partir dese momento, a súa loita non é nada doada. Moi pronto atopa o seu primeiro obstáculo: os seus propios compañeiros de partido, republicanos e de esquerda, temen que as mulleres voten influenciadas pola igrexa e, por elo, á dereita, así que non a apoian. Ese argumento se xeneraliza e fai que Clara Campoamor vaia quedando sola no parlamento na súa defensa do sufraxio universal. Despois dunha loita constante, e despois de múltiples traizóns, o 1 de decembro de 1931, Campoamor consegue o seu obxectivo: o voto para as mulleres.

Ao igual que no video-forum Mulleres no Mundo, neste novo video-forum do Observatorio a entrada é gratuíta. As sesións estarán guiadas por socias do Observatorio e repartiranse uns pequenos dossieres con información sobre a película a visionar. Antes do comezo da película farase unha pequena contextualización do filme para a continuación realizar o visionado. Ao remate da proxección da película haberá un pequeno debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados no filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa a condutora das reflexións do grupo. Asimesmo, repartiranse cafés, infusións e pastas gratuitamente ás persoas que o desexen.

Este I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, conta coa colaboración da delegación de Muller e Igualdade do Concello de Burela, de RadioBurela e de Crónica3.

Exit mobile version