Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Perdouro acolle a clausura e entrega de premios dos V Encontros de Banda Deseñada

IMG_0872Burela, 29 de abril de 2013. O alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Xuventude, Beatriz Piñeiro, participaron hoxe na clausura e entrega de premios dos quintos Encontro de Banda Deseñada do IES Perdouro, de Burela. Ambos manifestaron “o recoñecemento ao centro por poñer en marcha iniciativas pedagóxicas que son novidosas respecto ao que é tradicional”.

O rexedor entende que “o quinto Encontro de Banda Deseñada é unha aposta pola formación dos alumnos na campo da expresión e da comunicación co mundo que nos rodea. E evidentemente hai un feito que xa está constatado e é que nós vamos apoiar na medida das nosas posibilidades este tipo de iniciativas tanto no IES Perdouro como en calquera outro porque para nós é importante que os centros de ensino de Burela arranquen iniciativas educativas importantes e temos a obriga clara de apoialos. Nese sentido a axuda que se lle deu ao IES Perdouro neste tema foi colaboración en canto á utilización de locais e ao uso de materiais”.

González Barcia sinalou que “como obxectivo común dos centros de ensino e do propio Concello búscase formar persoas que no seu momento poidan ser instrumentos que melloren a calidade de vida dos membros da sociedade na que vivimos. Unha desas fórmulas pasa pola implantación de modelos educativos que son distintos aos que habitualmente coñecemos, pero que poden dar os seus froitos sempre e cando teñan o apoio das institucións e da sociedade en xeral. Nese sentido un deses modelos é o quinto Encontro de Banda Deseñada que o fixo este centro, pero calquera outro pode iniciar calquera outro tipo de actividades máis ou menos similar”.

Tanto o alcalde de Burela como a concelleira de Xuventude insistiron en que “o Concello vai estar apoiando calquera iniciativa deste tipo, porque cremos que sirve para mellorar a calidade do ensino que se lles dá aos alumnos dos centros que están aquí situados e, por outra parte, mellorar a súa formación, con todo o que iso representa de cara ao futuro en canto a eles actúen como persoas adultas no marco das súas responsabilidades como tales”.

Xosé Tomás

Nesta ocasión, e para pechar estes Encontros, contouse coa presenza do recoñecido ilustrador e artista coruñés Xosé Tomás. Da súa man fixeron unha entretida viaxe ao redor do mundo da Banda Deseñada, das viñetas, dos planos, dos ángulos… todo isto e moito máis captou a atención de todo o público que se viu inmerso no apaixonante mundo do cómic. A continuación entregou os premios aos gañadores e gañadoras das distintas categorías no concurso que se convoca cada ano, despois de felicitalos pola gran calidade dos traballos presentados. Os galardóns foron para alumnos e alumnas do CEIP de Cervo, do IES San Rosendo de Mondoñedo, do IES Perdouro de Burela e, na categoría libre, para participantes de Arxentina e A Coruña.

Exit mobile version