Compaxinar deporte e estudos significa esforzo e constancia.
O pentatleta internacional Cristóbal Rodríguez, do Cidade de Lugo Fluvial, obtivo a medalla de ouro esta pasada fin de semana no campionato universitario de Cataluña na modalidade de esgrima á espada representando á Universidade Politécnica de Cataluña da que é estudante da Facultade de Arquitectura e Urbanismo.
Na cita participaron deportisas de distintos puntos de España que estudan nas universidades públicas e privadas das catro provincias catalás, gran parte deles integrantes dos diferentes equipos nacionais ao igual que Rodríguez
A competición tivo lugar na barcelonesa Sala de Armas Reina Elisenda, pertencente ao Sam Esgrima, do que Rodríguez é tamén tirador titular. Comezou a chamada de deportistas ás nove da mañá do pasado sábado e tras unha complicada “poule” na que Rodríguez conseguía pasar o “corte” en quinta posición, foi avanzando a continuación nos diferentes cadros ata chegar a semifinais onde se enfrontou en combate directo co gran tirador Martí Checa, da Universidade de Barcelona, quen previamente se enfrontara a Nilo Ortiz, representante da Universidade Autónoma.
Así as cousas, Rodríguez plantouse co seu compañeiro Alejandro García, ambos da Universidade Politécnica de Cataluña, na final na que o deportista galego se alzou coa vitoria por un 12-15. Esta vitoria dálle acceso directo a Rodríguez ao Campionato de España Universitario da especialidade.
O podio final quedou conformado por Cristóbal Rodríguez, medalla de ouro; Alejandro García, prata e Martí Checa e Nilo Ortiz, bronce. Podio completo para a universidade pública.