Site icon Crónica3.com A Mariña

Dez mil botes de bonito, polbo e xarda é a producción de Conservas Curricán que emprega peixe dos barcos de Burela

Foto Currican 1Burela, 4 de abril de 2013. Curricán é o nome das conservas artesanais que se presentaron este mediodía en Lugo. A empresa está formada por tres mulleres emprendedoras que decidiron envasar peixe capturado polos barcos do porto de Burela. Curricán asentouse e abriu as súas portas en Xove o verán pasado e desde o mes de decembro está a comercializar os seus produtos en tendas gourmet de Galicia e Asturias e agarda chegar aos mercados de Cataluña e Madrid. De feito desde esta fin de semana estarán no salón do gourmet que se celebra na capital de España.

No acto de presentación que tivo lugar no restaurante Parrillada de Antonio o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, subliñou “o paso adiante que demostra a capacidade de emprender novas iniciativas empresariais na provincia e de xeito particular na costa de Lugo” e dixo que “aquí se parte dun produto que é capturado polos barcos de Burela e que se vende na lonxa burelesa. Por iso nos puxemos á súa disposición para todo o que sexa a súa promoción e divulgación, porque van levar o nome de Burela polo mundo adiante e é lóxico que teñan apoio institucional”. Pola súa banda o rexedor de Xove, Demetrio Salgueiro, indicou que “é digno de alabar a posta en marcha desta conserveira por parte destas tres mulleres” e auguroulles “éxito polo empuxe co que se puxeron a traballar e co que seguen adiante”. E a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, aplaudiu ás promotoras da empresa, Nieves Medina, Nuria Carreño e Placer Rodríguez, pola iniciativa que, segundo considerou, “reúne valores fundamentais, ao tratarse dunha actividade emprendedora, unha industria transformadora de produtos do mar, que ademais está impulsada por mulleres”.

Conservas Artesanas Curricán chegou ao mercado en decembro cunha produción de 10.000 botes de peixe de Burela. Nas súas instalacións envasan: cogote, ventresca e lomos de bonito en aceite de oliva, lomos en escabeche e tamén migas de bonito en aceite de oliva, polbo en aceite de oliva, polbo con fabas e xarda en aceite de oliva e en escabeche. Esta última comezará a comercializarse no prazo duns dous meses, porque atópase en proceso de maduración. Nuria Carreño subliñou que “se trata dunha produción totalmente artesanal, que inclúe receitas herdadas dalgunha aboa. O que fixemos foi recoller a tradición, respectándoa ao máximo. Así é como se lle saca sabor e partido a esta materia prima tan espectacular que temos no porto de Burela: o bonito, o polbo da pedra e a xarda”. E engadiu que “a nosa produción vai destinada a un mercado que saiba valorar e degustar estes produtos. Traballaremos respectando os ciclos do mar e mimando o proceso de elaboración destas materias primas”.

Ao acto celebrado en Lugo asistiron tamén, entre outros, o patrón maior da confraría de pescadores de Burela, o presidente de Armadores de Burela, e o presidente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo. Os asistentes degustaron despois os produtos capturados polos barcos bureleses, elaborados, cociñados e envasados por Conservas Artesanas Curricán.

Exit mobile version