Ao longo de case tres meses, as alumnas, María Galdón e a xogadora burelista Lara Balseiro, terán a oportunidade de realizar labores propios de xestión, coa organización de varios torneos de base, e participar no día a día dos adestramentos da escola nas diferentes categorías.
O traballo conxunto pola potenciación da práctica deportiva une o centro de ensino e o club burelista dende hai máis dunha década. No marco do convenio de colaboración entre ambas as entidades, figuran como axudas prestadas polo club burelao ao instituto a organización de charlas educativas e conferencias relacionadas coa saúde e a práctica deportiva, así como na promoción da aprendizaxe permanente. O IES Monte Castelo, por outro lado, deixa á disposición da entidade laranxa recursos humanos e materiais; ademais de participar activamente no Campus Internacional Mixto, o centro educativo tamén cede ao club todas as súas instalacións e mostra o seu apoio na elaboración de proxectos e publicacións do club.