Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista chama a mobilizarse o 1º de maio e lamenta que non exista a necesaria unidade sindical

EEG 1º MaioCo anuncio de novos recortes sociais e o sistemático desmantelamento do estado de benestar por parte do goberno e cuns datos últimos de desemprego que superan o admisible en calquera sociedade democrática, Espazo Ecosocialista chama a mobilizarse o 1º de maio e lamenta que non exista unidade sindical nunha situación de emerxencia como a que vivimos. As centrais sindicais deben recuperar o espírito unitario conquerido o pasado 19 de xuño de 2.012.

Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), no primeiro trimestre do ano, a taxa de paro chegou a 6.202.700 (27,16%), a mesma proporción de desemprego que o goberno predicira para todo o exercicio. As tendencias xa resultan imposibles de corrixir ata o punto de que o goberno recoñece que se van superar a cifra dos 7 millóns de desempregad@s. Ningunha das previsións hai anos dos máis críticos coas políticas de recorte neoliberais apuntaba a cantidades tan fortes.

Ademais hai outros dous datos, aínda máis preocupantes. A precariedade laboral e a ausencia de axudas económicas.

O emprego que se cre é cada día máis precario, inestable e en peores condicións. A reforma laboral impulsada polo goberno lonxe de crear emprego so favorece a creación dos chamados minijobs, así como os empregos fóra de convenio con salarios inferiores ou peores condicións, sendo ademais un elemento de chantaxe para reducir os salarios.

Ademais, a metade da xente sen emprego non cobra ningún tipo de axuda e de levarse adiante a reforma da administración local que se ten empezado a tramitar no congreso os servizos sociais correran un grave risco de desmantelamento e nunha situación de emerxencia coma a actual podería levar a unha boa parte da poboación que esta por debaixo do umbral da pobreza e a situacións dramáticas e desesperadas.

En Galicia os desempregad@s son 287.400 (22,35% da poboación) e o que é mais grave, as persoas ocupadas no chegan ao millón as persoas (998.500 e un 54,56% da poboación activa)

Para @s ecosocialistas galegos a radiografía sobre o emprego en Galicia é alarmante. Estamos diante dunha perda de 10 empregos cada hora

O goberno de Feijóo amosase incapacitado para cambiar a dinámica que el mesmo prometeu modificar en dous anos e xa van para cinco. Galicia só converxe co estado en termos de desemprego.

Consideramos que para frear esta constante de paro e precariedade hai que mudar de políticas, formularse seriamente o investimento público, que relance ó conxunto dos sectores, fundamentalmente os novos sectores, e tamén ante o progresivo incremento da pobreza políticas de protección posto que son moitos os fogares que teñen os seus membros activos sen emprego.

Faise necesario tamén outra orientación política na fiscalidade: cómpre utilizar a capacidade normativa con que conta Galicia e modificar a lei de estabilidade orzamentaria para poder trazar outro escenario de gastos. A nova política deberíase basear no investimento e nos servizos públicos, no apoio aos sectores produtivo e na protección social, a fin de actuar sobre a actividade económica e o emprego, todo o contrario ao aprobado nos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2013.

Nun informe elaborado por Espazo Ecosocialista a inicios de ano xa afirmabamos que sen inversión en Investigación e Innovación (I+D+i) non había posibilidade de saír solidamente da crise e confirmabamos que as cifras neste terreo eran ridículas.

Ademais ás habituais noticias sobre desmantelamento de sectores estratéxicos da nosa economía como agro, gandería ou pesca, véñense a sumar as malas perspectivas do turismo ou os enganos do Goberno Central e da Xunta de Galicia sobre as demandas de carga de traballo no sector naval público.

Espazo Ecosocialista xa ten formulado reiteradamente a creación de postos de traballo que suporía unha aposta pola inversións en desenvolvemento sustentable, enerxías alternativas, políticas paliativas do cambio climático, etc.

@s ecosocialistas galegos amosan a súa preocupación polas políticas de redución do déficit, de recortes e austeridade tanto do Goberno Central como da propia Xunta de Galicia. Políticas que, apoiándose na reforma laboral, o único que están a conquerir son maiores taxas de desemprego, peores condicións de traballo, precarizando e levando ós traballadores e á cidadanía a situacións inimaxinables fai un tempo, de pobreza, marxinación e exclusión social. Isto agravase cando desde a Consellería de Industria non se fan políticas de inversión publica e as únicas apostas son empresas altamente contaminantes e que degradan o hábitat como as minas a ceo aberto e con técnicas como as do ‘fracking’ que non aportan valor engadido e espolian as nosas materias primas, máis propias de países periféricos neocolonizados.

Necesitamos un Plan Galego de Emprego con medidas urxentes para a mocidade e os parados de longa duración que empezaremos a negociar coas forzas sindicais, ongs, movementos sociais e fundacións específicas, empresarios e autónomos no Parlamento para chegar a un texto común que AGE promova no Parlamento Galego.

Ademais desta situación de desemprego e precariedade, asistimos a un desmantelamento da sanidade e ensino público, un ataque xa anunciado contra as pensións, e un horizonte de desmantelamento dos servizos sociais.

Canta máis inxustiza pode soportar a democracia, canto poden seguir presionando os oligopolios económicos ao poder político?

A única saída é seguir mobilizándonos e esixir grados de unidade social e política da esquerda cada día máis amplo senón queremos perder o futuro.

As mobilizacións deste 1º de Maio teñen que ser un momento máis no camiño de fraguar a máxima unidade social e política, para esixir o cambio e a dimisión duns gobernos, o da Xunta e o do Estado, incapaces e rendidos diante da situación creada, e co obxectivo de abrir novos camiños por medio de eleccións anticipadas no Estado e a apertura dun novo proceso constituínte onde as persoas traballadoras sexan un suxeito central.

Exit mobile version