Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista considera insuficientes os servizos sociais en Galicia e corren o perigo de empeorar no futuro

O INDICE DEC valora como debil os Servizos Sociais da nosa Comunidade Autónoma e considera que Beatriz Mato debe dar explicacións .

Como cada ano ven de ser publicado o informe elaborado polos directores e xerentes de Servizos Sociais sobre Dereitos-Economía-Cobertura das Políticas Sociais en España (INDICE DEC).

O Índice 2012 sitúa a Galicia no posto número 10 nas políticas sociais das comunidades autónomas e, o que é un síntoma máis grave, aparece cunha puntuación global de 5,10 puntos sobre 10 e cualificado como DEBIL, nun baremo onde existen as categorías de Excelente, Alto, Medio Alto, Medio, Medio Baixo, Débil e Irrelevante.

Ademais, os Servizos Sociais non acadan Excelencia en ningún dos tres aspectos analizados polo informe ( Dereitos e decisión política, Esforzo económico e Cobertura )

En Materia de Dereitos e decisión política, Galicia conta cunha nova lei de Servizos Sociais que garante dereitos subxectivos, pero non se ten desenvolvido nin o Catalogo nin a Carteira deses dereitos.

En Relevancia Económica Galicia esta por debaixo da media estatal en 2 dos 3 indicadores: gasto por habitante en servizos sociais (256,1 € fronte a 280 €), porcentaxe do gasto en servizos sociais sobre o total do gasto da comunidade ( 6,7% fronte a 6,93%). Soamente en gasto sobre porcentaxe do PIB supera esa media estatal ( 1,31% fronte ao 1,25%).

En materia de Cobertura situase por debaixo da media estatal en: cobertura á protección da dependencia (1,26% fronte 1,59%); materia de Rendas Mínimas de Inserción (1 por cada 355,7 fronte á media estatal de 1 por cada 147,6 persoas); escasa cobertura de prazas residencias para persoas maiores de 65 anos (2,8 por cada 100 fronte a 4,3 por cada 100 da media estatal); baixa cobertura da axuda a domicilio (soamente 1,66% de persoas maiores fronte a 4,69% da media estatal).

Ademais é moi grave os niveis nos que se atopa no chamado ‘limbo da dependencia’, persoas ás que xa se ten recoñecido o dereito pero aínda non teñen nin sequera prescrito dito servizo ou prestación (PIA). A finais de 2011 isto supoñía un 44,3% moi lonxe do 28,9% de media estatal, xa de por si moi elevado.

Tamén é moi grave con respecto a axuda a domicilio a insuficiente cobertura. Soamente 10,8 horas mensuais de media fronte ás 16,94 horas de media estatal.

Espazo Ecosocialista, a través do Grupo Parlamentar de AGE, formulará unha pregunta á Conselleira de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato, a propósito da valoración que fai destes datos e as medidas que pensa adoptar o departamento que dirixe para modificar esta situación de déficit.

Cabe destacar que ademais esta valoración negativa dáse nun momento onde perigan os servizos sociais tal como os coñecemos. A aprobación polo Consello de Ministros do anteproxecto da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local; de non modificarse a redacción actual, suporá o desmantelamento efectivo do cuarto piar sobre o que se sustenta o Estado do Benestar Social. En concreto o artigo sete, que modifica o artigo 26 da vixente Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de Réxime Local sobre competencias dos concellos, e especificamente dos Servizos Sociais. A nova Lei xera incerteza e preocupación cando sinala que a única competencia propia dos Concellos neste ámbito será, “a avaliación e información de situacións de necesidade e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social”.

Espazo Ecosocialista considera moi grave, nun momento onde a exclusión social e a pobreza medra que se poida desmantelar os Servizos Sociais e que se derive cara a organizacións de beneficencia o que ata agora son considerados dereitos da cidadanía.

Exit mobile version