Site icon Crónica3.com A Mariña

Facultativos e políticos da Mariña reuníronse para tratar a integración da área sanitaria en Lugo

Arredor de medio centenar de persoas, entre os facultativos e políticos da Mariña, acudiron onte á reunión. Cómpre sinalar que asistiron todos os partidos excepto do PP: alcaldes, portavoces e representantes provinciais. Os facultativos explicaron unha vez máis os seus argumentos para considerar que A Mariña debe ter a súa propia estrutura organizativa de xestión sanitaria e que non teña que depender de Lugo. Dada a transcendencia que a decisión de integrarse en Lugo podería ter para a Mariña, non só no aspecto sanitario senón tamén no socioeconómico, os asistentes estiveron de acordo en poñer todos os medios ao seu alcance para que se consiga que A Mariña sexa área independente.

Ademais, as persoas que asistiron ó encontro consideraron de gran importancia conseguir que a poboación teña constancia dos motivos de preocupación dos profesionais, polo cal os facultativos mostráronse dispostos a acudir alí onde sexa necesario para aportar a súa información técnica, á marxe de calquera tendencia política, que avala a defensa da Mariña como area independente.

Exit mobile version