Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez asegura que o equipo de goberno non esixe ao traballadores “nada que non sexa da súa responsabilidade”

Ribadeo, 24 de abril de 2013. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que está a ver con perplexidade e tristura cómo algúns colectivos de traballadores municipais recorren á vía contenciosa ao non estaren de acordo coa nova RPT. O rexedor asegura que a realidade do Concello é un espello da realidade social e que “non lles estamos a pedir nada aos traballadores municipais que non teña que ver co seu traballo” e engadiu que “no goberno municipal sempre defendemos o público, pero non a calquera prezo, senón que hai que comprometerse, cumprir coas funcións e co horario e o Concello ten que cumprir pagando as nóminas de forma exquisita, moitas veces incluso antes de que acabe o mes”.

O rexedor declaraba esta mañá que “asisto a esta situación cunha certa perplexidade e sobre todo cunha certa tristura por ver como algún colectivo de traballadores como pode ser a Policía Local ou incluso algún funcionario a título particular parece que están moi molestos porque no pleno da Corporación acordamos adaptar un pouquiño as funcións dos traballadores do Concello, pero non con ánimo nin de vexalos nin de desprezalos nin moito menos, senón todo o contrario”.

Suárez Barcia cre que “a realidade do Concello é un espello da realidade social. Agora temos menos diñeiro para facer as mesmas cousas e agora non temos servizos que antes tiñamos como podía ser o do Grumir, que nos botaba unha man nas cousas ordinarias da vida dun Concello, pero o traballo hai que facelo igual. Dóeme que no proceso de negociación colectiva, que estamos a negociar desde hai tempo, os sindicatos teñen no seu tellado unha proposta da Alcaldía, penso que xenerosa, e que desde hai un mes e pico non tivemos contestación por parte deles en absoluto, e que agora algúns colectivos se descolguen levándonos á vía contenciosa, que desde logo iremos e defenderemos con toda paixón”.

O alcalde de Ribadeo subliña que “nós desde o goberno municipal aos traballadores non lles estamos a pedir nada que non sexa da súa responsabilidade e que non teña que ver co seu traballo. Por que os Policías Locais teñan que abrir e pechar o cemiterio mentres a persoa que ocupa esa praza non está traballando non é ningunha deshonra, por que lles pida que abran e pechen o ascensor panorámico a primeira hora da mañá ou a última da noite, penso que non é ningunha vexación, ou que abran o albergue cando un peregrino chega a última hora, mentres estean no seu horario e se non teñen que atender ningunha emerxencia, non é motivo para pensar que o alcalde os está a acosar ou a perseguir”.

Para Fernando Suárez “esta xente non se da conta de que as nóminas a final de mes se cobran de xeito puntual, incluso ás veces antes de que acabe o mes. E esa é unha circunstancia que lamentablemente moita xente en Ribadeo e na comarca non pode dicir o mesmo, e asistir como asisto a escoitar estas declaracións de que eu non teño que facer isto porque non me corresponde. Non lle estou a mandar ao Policía Local que faga obras, nin que recolla o lixo, nin ao bedel do colexio lle estou a pedir que faga unha instalación de alumeado público nunha parroquia, por poñer por caso”.

O rexedor ribadense engadiu que “tanto eu coma o goberno municipal defendemos sempre o público e seguirémolo a defender, pero non a calquera prezo, senón que o público para defendelo e para demostrar que funciona ben hai que comprometerse e hai que traballar, cumprir coas súas funcións, cumprir co seu horario e o Concello ten cumprir pagando como o está a facer de maneira exquisita, antes de que acabe o mes moitas veces, as nóminas. Non me quero poñer paternalista neste aspecto, pero parece mentira que toda esta xente no momento social polo que estamos a atravesar estean ás voltas con estas cousas que son máis de infantes que de adultos”.

Exit mobile version