Site icon Crónica3.com A Mariña

Fuente Parga asegura que a frase sobre as feministas, os comunistas e os ateos que tanta atención mediática suscitou non é súa

AFIRMA QUE A EMPREGOU NO TRANSCURSO DUNHA SESIÓN PLENARIA PARA ALUDIR Á INCOHERENCIA DA SOCIEDADE “QUE DI SER UNHA COUSA E LOGO FAI O CONTRARIO”.

Barreiros, 16 de abril de 2013. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, subliña que a frase as feministas deixan de selo cando casan, os comunistas deixan de selo cando se enriquecen e os ateos deixan de selo cando cae o avión no que viaxan foi sacada de contexto por alguén que asistiu ao pleno municipal da semana pasada, que nin é concelleira nin nada, e “que nin atende nin entende”. Fuente Parga asegura que “esas non son declaracións miñas, senón unha frase que atopei en internet e que empreguei no transcurso dun debate sobre os comedores escolares, cando BNG e PSOE o único do que estaban a facer era falar da igrexa e da banca, e entón aludín a esa frase para amosarlles a incoherencia da sociedade e das persoas. A incoherencia de criticar á igrexa e á banca e despois ser os primeiros en pedir os seus servizos”.

O rexedor lamentou “todas estas noticias que están a saír hoxe por culpa dunha persoa que asiste ao pleno, que nin é concelleira nin nada, e parece que non atende nin entende. Esas declaracións non son miñas e así o fixen constar na sesión plenaria celebrada a semana pasada”. Fuente Parga explicou que “nese pleno cando se estaba a debater unha moción sobre os comedores escolares e o PSOE e o BNG o único que facían era falar dos bancos e da igrexa e non se falaba practicamente nada do asunto que nos ocupaba, foi cando eu tomei a palabra e lles dixen que vin en internet no Diario de hipócritas que o que está pasando hoxe en día é isto. E eu digo esas tres frases, ao que aludín foi á incoherencia das persoas, á incoherencia da sociedade, é dicir estes señores falan contra estas dúas institucións, banca e igrexa, e despois son os primeiros que piden os seus servizos”.

O alcalde barreirense engadiu que “despois sacaron esta frase de contexto, que non é miña e así o dixen alí, e pasou o que pasou. Pero iso é o que está a pasar na sociedade de hoxe, declaramos que somos unha cousa e despois facemos o contrario. Esa é a incoherencia da oposición de Barreiros e iso foi o que trataba de dicirlles, para reflectir o hipócritas que somos na sociedade, non somos coherentes nin co dicimos nin co que facemos”. Alfonso Fuente insistiu: “lamentei que a oposición para falar duns comedores escolares tivera que aludir e cargar contra dúas institucións, como son a banca e a igrexa, e despois son os primeiros que piden os seus servizos. Non son declaracións miñas nin as comparto. Xa sei que non a todas as feministas lles pasa iso, nin a todos comunistas lles pasa iso, nin a todos os ateos, hai xente que é atea e sen ningún problema. O problema existe cando a xente di ser unha cousa e logo fai o contrario e iso é o que está a pasar coa oposición”.
Para o rexedor “é unha vergonza que se magnifiquen estas cousas sacándoas de contexto. É moi triste que o pleno de Barreiros ao final se resuma nestas cousas, cando hai moitas máis que tratar. E algúns estamos a loitar para sacar a Barreiros adiante para poder facer cousas polo municipio e outros dedícanse a estas cousas”.

Alfonso Fuente Parga indicou que “só collín unhas frases de internet ás que lles din lectura e parece que cando alguén as fai en voz alta se lles da tanta importancia. Isto o que nos ten que facer é reflexionar, para que a sociedade reflexione. Unha feminista o que non pode é cambiar o seu criterio no momento no que se casa e está pasando. E un comunista non pode cambiar o seu criterio cando se enriquece e tamén está pasando. E iso foi o que lles quixen facer ver no pleno con esas tres frases sacadas de internet, e o que creo é que nos teñen que servir para reflexionar en silencio sobre o que está a pasar na sociedade”.

O alcalde de Barreiros dixo que “a sociedade se está a degradar” e engadiu que “eu en internet tamén vexo frases nas que por exemplo unha nai di que o primeiro é o coidado dos seus fillos, e claro que o é, e o que non pode ser é que esa nai despois abandone aos seus fillos. Esa frase é moi bonita, pero despois hai que levala a cabo”. O rexedor está sorprendido “pola magnitude do acontecido. Paréceme triste o acontecido con esas frases, que non son miñas e que non as comparto, pero que non as comparta non quere dicir que non vexa que iso é o que estar a pasar no día a día. E o que non se pode é chegar a un pleno para falar dos comedores escolares e poñerse a criticar á banca e á igrexa e eses mesmos piden dos seus servizos ao día seguinte. Iso non pode ser, si eu critico unha institución non quero saber dela. E iso ven pasando continuamente, durante moito tempo levamos vendo ao PSOE e ao BNG criticando á Deputación e logo tamén vemos como se serven dela. Isto non é coherencia e si queremos ser unha sociedade respectada debemos ser coherentes. E aludín a esas frases porque o que estaba a escoitar non me parecía nin coherente”.

Exit mobile version