Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia destaca o traballo e carácter comarcal do centro de atención temperá de Burela

Foto centro atencion tempera 2A DIRECTORA XERAL DE FAMILIA E INCLUSIÓN VISITOU ESTE MEDIODÍA O CENTRO DE ATENCIÓN DE TEMPERÁ DE BURELA, ONDE PERCIBIU A IMPORTANCIA DUNHAS INSTALACIÓNS QUE TEÑEN CARÁCTER COMARCAL “E QUE BUSCAN ATENDER COA MAIOR CALIDADE POSIBLE AOS NENOS E NENAS QUE ACODEN A ELAS”, SEGUNDO O ALCALDE.

Burela, 25 de abril de 2013. A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, a delegada territorial de Xunta, Raquel Arias, o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, e a concelleira Diana Durán participaron en Burela no centro San Aníbal no café-coloquio para profesionais dos servizos sociais da Mariña, que tivo lugar esta mesma mañá.

No centro San Aníbal o alcalde destacou “a importancia da colaboración estreita dos servizos sociais de base, aqueles que prestan os concellos coa propia Xunta de Galicia, para buscar a máxima coordinación posible e ao mesmo tempo ter en conta a práctica real do día a día nesta materia á hora de tomar decisión políticas co obxectivo de tentar beneficiar o máximo posible aos cidadáns, sobre todo nos momentos que estamos a vivir na actualidade”.

González Barcia explicou que “o Concello de Burela está moi satisfeito do traballo realizado polo equipo de servizos sociais tanto no Centro de Información ás Mulleres, atención aos inmigrantes, na unidade de drogodependencias, no centro de formación ocupacional para discapacitados intelectuais… están a facer un traballo moi importante”.

Amparo González, a directora xeral de Familia e Inclusión, pasou despois polo Concello de Burela e a continuación visitou tamén, acompañada do rexedor e da concelleira de Servizos Sociais, as instalacións do centro de atención temperá, que se acaban de reubicar dentro da Casa do Mar. O rexedor sinalou que “a directora xeral puido percibir a importancia da existencia deste centro que ten ámbito comarcal. Desde o Concello o que buscamos é atender coa maior calidade posible aos nenos que acoden a este centro e a intención pasa por seguir prestando este servizo, pero buscando unha aportación ao financiamento daqueles Concellos que teñen nenos e nenas que utilizan este centro comarcal”.

José Mª González Barcia subliñou que “desde hai uns quince anos Burela conta cun equipo en materia de servizos realmente importante. É un equipo moi unido, con moita experiencia e que funciona á perfección”. E engadiu que “é moi importante que os responsables políticos visiten aos profesionais para estar en contacto permanente e que isto favoreza a toma de decisións ao respecto”.

Exit mobile version